DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Álvaro López Mira aborda a súa evolución, institucións e sistema de partidos

Un libro afonda tanto na estrutura como no funcionamento real do sistema político español

Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/01/2024

Achegar tanto ao alumnado universitario como ao público xeral un conxunto de nocións respecto das principais institucións do sistema político español e as súas dinámicas de funcionamento. Ese é o propósito central do novo libro do profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Álvaro Xosé López Mira, no que “predominan”, explica, “os elementos politolóxicos”, pero no que tamén se afonda “en aspectos xurdícos e sociolóxicos” coa idea de analizar “máis que o sistema, o modelo político que se aplica en España”. Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo, El sistema político español. Historia, instituciones y dinámicas reúne un conxunto de nocións introdutorias sobre a evolución histórica do sistema político, as súas principais institucións, a organización territorial do Estado e o seu sistema de partidos, ás que se suma unha análise dos resultados das eleccións xerais desde a Transición ata as celebradas en xullo de 2023.

“Este libro é froito dunha evolución, de moitos anos de docencia e investigación”, recoñece López Mira dun volume que dá continuidade a textos previos sobre os sistemas políticos español e galego, realizados ao longo dos últimos 20 anos. Nese senso, o investigador da Área de Ciencia Política e da Administración incide en que, pese a tratarse dun volume que pode resultar de utilidade para o alumnado universitario, o libro ten tamén un carácter divulgativo, buscando que a cidadanía poida coñecer tanto a estrutura como o funcionamento real do sistema, dada a importancia que, “queirámolo ou non”, as decisións políticas poden ter nas súas vidas. “De pouco serve coñecer a normativa electoral se non analizamos os distintos partidos políticos que entran en concurso”, subliña López Mira, que define a política “como a ciencia do ser, máis que do deber ser propio do dereito”. 

Un modelo electoral que “sobrerrepresenta” os grandes partidos

Nun primeiro bloque, o libro detense na evolución histórica do sistema político español, para logo centrar a súa segunda parte nas principais institucións do Estado, como a coroa, as cortes xerais, o goberno e a xudicatura, así como na Constitución, no modelo autonómico, na organización local e na política exterior. 

A terceira parte do libro pon o foco na “dinámica política española”, presentando unha análise da evolución do sistema de partidos desde a Transición ata a actualidade. “Analízanse os cambios políticos desde 1977 ata as últimas eleccións xerais” do 23 de xullo, apunta López Mira, que recoñece que “a celeridade de acontecementos políticos dos últimos anos” obriga a unha continua actualización desta análise. Nese senso, o libro detense no “aumento do pluralismo” vivido tras as eleccións europeas de 2014, cando “comeza a verse alterado” un modelo de “bipartidismo alterno, só matizado pola relativa importancia de grupos nacionalistas periféricos cataláns e vascos”. Neste punto, o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 pon o foco en que se ben “sempre houbo bastantes partidos representados no Congreso, nunca tantos como agora tiveran capacidade de influír na formación de goberno”. 

López Mira tamén afonda neste bloque en como se traduce “na práctica” o modelo electoral español, amosando a partir dos diferentes resultados electorais a “sobrerrepresentación” en número de escanos dos dous grandes partidos. Isto lévao a súa vez a incidir en que para que “para lograr o que se pretende coa fórmula proporcional” empregada serían precisas circunscricións electorais máis amplas, “con dez escanos como mínimo”. Por outra banda, a análise destas dinámicas políticas lévao a apuntar o xurdimento dunha “democracia mediática”, que provoca que en “sociedades cada día máis poliédricas, teñamos grupos parlamentarios cada vez máis monocromáticos en mensaxes e ideario”, así como na necesidade dunha maior “cultura política”, para evitar que a cidadanía “se deixe cativar por promesas falaces ou por discursos que o que pretenden é excluír a política das vidas da xente, para que non poida influír nos que realmente gobernan o país ou o mundo”.