DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Un libro, un condón" é a proposta da Universidade para atallar o VIH

A biblioteca do campus de Pontevedra súmase á campaña mundial da Sida

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 02/12/2009

“Dereito á saúde, detén a Sida, mantén a promesa”, “Detrás da Sida hai moita vida”, “Detén a Sida, unidos podemos” ou “Contra a Sida ponlle corazón” son algúns dos lemas máis escoitados estes días con motivo da celebración do Día Mundial da Sida. “Un libro, un condón” é a proposta conxunta da Biblioteca Central e a Oficina de Voluntariado e Integración do campus de Pontevedra, que por terceiro ano consecutivo se suma á campaña mundial da Sida. Ata o vindeiro día 5 os usuarios da biblioteca recibirán un preservativo e folletos informativos co préstamo de libros, nunha iniciativa que ten como obxectivo sensibilizar aos membros da comunidade universitaria da importancia do uso do condón nas relacións sexuais como medio máis eficaz para a prevención do contaxio do VIH.
Laura González Nóvoa, directora da biblioteca central do campus de Pontevedra, valora positivamente a acollida que está tendo a campaña e sinala que en apenas día e medio xa repartiron boa parte do material do que dispoñían. Considera fundamental o desenvolvemento de iniciativas similares, pois a información existente sobre á Sida non é suficiente. “Todo o mundo fala da enfermidade, pero non hai coñecementos plenos sobre ela”, sinala. Ademais, pensa que hai unha relaxación debido á aplicación de novos tratamentos, que xeraron unha sensación errónea de superación e fixeron baixar a garda. “Agora pénsase que é unha enfermidade crónica coma calquera outra da que xa non se morre, pero non está superada, segue sendo perigosa, deteriora a saúde e os medicamentos estragan os órganos”, argumenta. Sen ir máis lonxe, a Organización Mundial da Saúde vén de solicitar a retirada dun dos retrovirais máis comúns no tratamento da enfermidade, debido aos seus efectos secundarios irreversibles.

Combater a discriminación, outra das prioridades

Cada ano rexístranse a nivel mundial preto de tres millóns de novas infeccións por VIH. Neste sentido as campañas preventivas son prioritarias, pero o traballo debe chegar moito máis alá. Por iso ONUSIDA propuxo como tema central para o Día mundial da Sida deste ano o acceso universal tanto aos métodos de prevención coma aos tratamentos, pero sobre todo a atención, o apoio e a defensa dos dereitos humanos das persoas portadoras ou que desenvolveran a enfermidade para combater a súa discriminación. Neste senso Laura González cre que segue habendo unha incomprensión social que dificulta as relacións interpersoais por medo ao contaxio.
Jéssica Iglesias Fontenla, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e usuaria da biblioteca central, considera que, aínda que cada día ten maior visibilidade, “a Sida segue sendo un tema tabú, o que conduce ás persoas que a teñen a ocultalo”. Na súa opinión, a maiores das campañas de prevención sería pertinente proporcionar unha axuda directa ás persoas contaxiadas para fomentar a súa integración social. “É importante non só previr senón achegar apoio psicolóxico cando xa estás infectado e axudar ás persoas que teñen a enfermidade de cara ás súas relacións interpersoais”, salienta. Pola súa banda, Héctor Barandela, estudante de Comunicación Audiovisual, cre que o traballo non se debe concentrar nun só día ao ano, “pois é algo simbólico, que non chega a ter moito efecto”. Segundo o alumno o traballo debe ser continuado, con centros de información sobre sexualidade abertos todo o ano.

Pontevedra é a provincia galega con maior incidencia de infección

Con motivo da celebración do Día Mundial da SIDA a Consellería de Sanidade adiantou a semana pasada os datos de contaxio do VIH e de desenvolvemento da síndrome recollidos polo Sistema de Información Galego sobre a Infección da VIH entre os anos 2004 e 2008. Nese período detectáronse en Galicia un total de 1.025 novos diagnósticos de infección polo VIH e 485 casos de SIDA, o que supón un 111% máis de rexistros de infección que de enfermidade. Con respecto á distribución por sexos e idades, os homes representan o 75,7% dos casos. O tramo de idade entre os 25 e 44 anos no momento do diagnóstico é o máis elevado, tanto para homes coma para mulleres, e alcanza o 71%. Na distribución por provincias, Pontevedra presenta a maior incidencia de infección no período analizado, cunha media anual de 92 casos por millón de habitantes, seguida da Coruña con 77, Ourense con 66 e Lugo con 27.