DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu a celebración dun acto de recoñecemento á súa traxectoria

Un libro e unha homenaxe para a profesora xubilada Purificación Mayobre

Nel destacouse a súa actividade académica e investigadora desde unha perspectiva feminista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Publicacións
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 15/12/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves pola tarde un acto de homenaxe á profesora xubilada da Universidade de Vigo Purificación Mayobre. Nel participaron, ademais da homenaxeada, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; a profesora da UVigo Mari Lires, e Marcelino Agís, catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, contando coa asistencia de membros da comunidade universitaria.

Durante o acto presentouse o libro Purificación Mayobre: pensar o mundo en feminino. Centenario da morte de Emilia Pardo Bazán, orixe desta homenaxe e editado tras serlle concedido en 2021 o III Premio Sapientia por parte da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía. Trátase “dun libro homenaxe sobre a súa traxectoria investigadora e os temas que ela traballou”, subliñando da homenaxeada que “destacou de xeito precoz no desenvolvemento do pensamento feminista no contexto español e galego, tanto no eido da investigación como da docencia universitaria”.

Ademais, a publicación (coordinada por Marcelino Agís, Javier Barcia, Rocío Carolo e Alba Iglesias) recolle colaboracións sobre o pensamento de Emilia Pardo Bazán tendo en conta que, tal e como se indica nas súas páxinas, “no ano 2021 cumpriuse o centenario do seu pasamento e quixemos unir estas dúas intelectuais galegas que souberon pensar o mundo en feminino”. As dúas son, tal e como se sinala na introdución do libro en palabras de Marcelino Agís, “dúas mulleres representativas do pensamento feminista dos séculos XIX e XX, se ben Purificación Mayobre é unha muller e unha intelectual do século XXI, caracterizada por unha gran xenerosidade, honestidade e valentía para defender os principios nos que cre, demostrando, asemade, a intemporalidade e o valor da Filosofía na sociedade actual”.