DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de CCSS e da Comunicación Xulio Pardellas publicou unha edición revisada de ‘Economía Bás

O libro que a crise obrigou a cambiar

O autor analiza neste volume a perda de liderados que se ten producido no panorama internacional

Etiquetas
  • Pontevedra
Eduardo Muñiz DUVI 13/10/2014

“A economía acompáñanos cada día, desde que nos levantamos ata que nos deitamos”, sostén o profesor Xulio Pardellas, que no ano 2006 publicou en Edicións Xerais a primeira versión de Economía Básica, un libro no que, coa colaboración dos docentes Carmen Padín e Nemesio Álvárez, trataba de ofrecer unha serie de “conceptos moi elementais” que posibilitasen tanto ao alumnado como á cidadanía en xeral un primeiro achegamento á realidade económica que lles rodea. Ese obxectivo inicial foi precisamente o que levou a este profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a revisar e actualizar este traballo, dado que o texto non podía permanecer alleo a unha crise económica, “que está provocando cambios importantes no panorama internacional”.

Foi así como neste 2014 viu a luz, da man do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, a nova versión de Economía Básica, un manual “no que a crise está presente, en maior ou menor medida”, en todo momento. Xunto coa profesora do Departamento de Economía Aplicada Carmen Padín, coautora deste volume, e coa colaboración do profesor Nemesio Pereira, Pardellas acometeu un proceso de revisión dun libro que ten como meta “proporcionar unhas nocións básicas a estudantes que non van seguir estudando economía, senón que só cursan unha materia introdutoria”. De aí que nun volume que trata explicar de xeito sinxelo os principais fundamentos da actividade económica e do funcionamento da economía de mercado, fose obrigado “falar da crise e dos seus efectos na economía”, tendo en conta ademais, que esta “vai durar”. Así o augura este profesor, que sostén que “por moito que digan, non penso que comecemos a levantar a cabeza ata dentro de oito ou dez anos, de feito, premios Nobel como Joseph Stiglitz ou Paul Krugman están dicindo continuamente que con austeridade non saímos da crise nin de broma”.

Unha nova orde mundial?

Xunto coas referencias aos cambios producidos nos últimos anos na Organización Mundial de Comercio ou no Fondo Monetario Internacional, un organismo que “perdeu bastante prestixio nos últimos anos, polo que as súas previsións e suxestións son agora moi discutidas”, Pardellas alude neste libro a como a crise afectou ao estado do benestar ou á implantación do euro, “que en 2006 acababa de poñerse en funcionamento”. Mais os cambios de maior envergadura con respecto á primeira versión, atópanse no apartado dedicado ao contexto internacional. “Non sabemos con exactitude cal será o modelo que domine en Estados Unidos, nin tampouco en Europa, despois da actual crise”, sostén no libro este profesor do Departamento de Economía Aplicada. “Desde logo, a crise está cambiando e vai cambiar bastantes cousas, polo que de aquí a dez ou quince anos pode haber bastantes movementos no que é a economía mundial”, augura Pardellas, que tentou coa revisión deste volume “deixar sobre a mesa unha serie de cuestións” que poderían marcar o panorama internacional nos próximos anos.

Porque, á diferenza do acontecido na crise do petróleo da década de 1970, cando o mundo estaba polarizado polos Estados Unidos e a URSS, na actualidade “estase a producir unha falta de liderado”, ao seu xuízo. Sostén Pardellas que Estados Unidos xa non é ese “líder mundial incuestionable no que se converteu trala caída da URSS”, senón que padece unha perda de poder político e económico ao que se suma o feito de “que esta crise estea afectando principalmente a Europa, que está xa moi por debaixo do que era o seu papel de liderado no mundo, tanto económico como político”. De aí que este profesor queira deixar patentes no libro as dúbidas que existen con respecto ao que vai acontecer a nivel internacional nun futuro próximo. “China está avanzando, pero non creo que, nin de lonxe, poidamos dicir que vai ser o gran líder do futuro; India está crecendo e pode xogar un papel importante, pero non de liderado; Brasil o mesmo; Rusia tampouco ten neste momento un gran liderado...”, opina este docente, que tratou de achegar ao lector unha serie de claves que lle axuden “a interpretar o que está sucedendo ou o que pode suceder”.

Unha ciencia moi presente no día a día

“A economía da que nos fala Xulio Pardellas é unha economía con persoas”, salienta no prólogo deste libro o catedrático da Universidade de Minho José Cadima Riveiro, que contrapón o enfoque deste libro a aqueles manuais “que tratan dos mercados e dos axentes que operan neses mercados e deixan fóra ás persoas”. Neste senso, Pardellas recoñece que o libro, “que ten moitas limitacións, xa que había moitas cousas que non podes abarcar”, está pensado para proporcionar respostas “a aquela xente que simplemente queira achegarse a ver que é isto da economía”. De aí que os seus autores fosen máis aló dun “listado de conceptos básicos” e optasen por complementar as nocións fundamentais con “comentarios históricos ou anecdóticos, cos que tratar de darlle un pouco de viveza, de vida humana”. Non en van, a xuízo deste profesor, esta ciencia segue a ser hoxe en día unha gran descoñecida, a pesares de que, por mor da crise, “a xente está a sufrir os seus efectos todos os días”.