DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola catedrática Francisca Fariña e o maxistrado Xavier Abel

Un libro reúne as ensinanzas de nenas e nenos para mellorar as actuacións profesionais durante un proceso de ruptura

Narradas por representantes da xudicatura, a avogacía, a psicoloxía ou a mediación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/11/2020

A catedrática de Psicoloxía Básica e Psicolóxica Xurídica do Menor da Universidade de Vigo Francisca Fariña e o maxistrado Xavier Abel, presidente da Plataforma Familia y Derecho, son os coordinadores de Lo que he aprendido de las niñas y los niños, un libro que busca servir como “altofalante das demandas e aspiracións” das nenas, nenos e adolescentes afectados por procesos de ruptura de parella. 28 profesionais da xudicatura, fiscalía, avogacía, psicoloxía, pediatría, educación ou mediación participan nesta publicación, na que a análise dos efectos que os procesos xudiciais derivados dunha ruptura teñen nos menores e das melloras que serían precisas ten como punto de partida as ensinanzas que, a través de experiencias concretas, nenas, nenos e adolescentes proporcionaron aos e ás profesionais participantes. 

“Cada autor vai describindo unha historia ou anécdota vivida como profesional cun neno, nena ou adolescente, dándolles voz a través do relato, e finalmente reflexiona sobre a súa aprendizaxe”, explica Fariña dunha publicación resultado da colaboración entre o grupo de investigación PS1 e a plataforma que preside Abel Lluch, da que a catedrática é unha das socias fundadoras. No seu conxunto, engade a docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o libro presenta “unha análise interdisciplinar” das situacións que, en ocasións, os menores viven e sofren nas súas contornas familiares “por falta dunha parentalidade positiva ou por un inadecuado tratamento dos seus casos”. O libro, que pode descargarse tanto na web da plataforma coma na do grupo PS1, “nace como unha homenaxe e un intento de dar voz ás nenas, nenos e adolescentes que se ven envoltos en procesos de ruptura de parella”, sinala Abel. A partires de casos reais, esta publicación permite constatar como “nun contexto familiar de ruptura de parella e inmersos, a miúdo, en procesos xudiciais conflitivos”, as e os menores vense “obrigados a madurar máis rapidamente”, pero tamén pon de relevo a necesidade dunha “urxente especialización de todos os profesionais que xestionan os procesos de ruptura con fillos menores”.

Ademais da “moi boa acollida” que académicos ou profesionais están a brindar a esta publicación, que está a ser empregada en iniciativas formativas vinculadas co dereito de familia, o libro constitúe tamén, salienta Fariña, un “material moi adecuado para que os proxenitores reflexionen sobre o seu comportamento e as consecuencias que pode carrexar aos seus fillos”. 

Que aprenderon de nenas e nenos?

Fariña e Abel solicitaron ás e aos participantes o relato dun episodio profesional vivido cun ou cunha menor e a reflexión sobre “as ensinanzas que obtivo”, así como que desen resposta a unha serie de preguntas. Entre elas, como definirían o interese superior do menor, un “concepto xurídico indeterminado”, cuxa falta de concreción provoca “que cada profesional poida interpretalo de modo diferente”, como salienta Fariña. “Na miña opinión, atópase relacionado con respectar a singularidade de cada un, en outorgarlle en todo momento dignidade, acompañada de protección e cobertura das súas necesidades físicas, cognitivas e emocionais de maneira adecuada”, sostén a catedrática. 

Que caracteriza a esta xeración de nenas, nenos e adolescentes e cales foron as principais ensinanzas profesionais do traballo con menores son outras das cuestións formuladas aos autores dos diferentes capítulos. Neles, obsérvase como as e os menores poden ser exemplos de madurez e de capacidade de adaptación, á vez que se pon de relevo a súa capacidade para entender “todo o que sucede nun proceso de ruptura”, como “piden ser escoitados activamente e tidos en conta” e como en ocasións “se implican directamente” nos procesos “como parte da solución”. Mais, ao mesmo tempo, o libro tamén pon de relevo como “queren as persoas da súa contorna e desexan ser queridos” e como pode chegar a afectarlles máis “o interminable conflito xudicial” que a separación dos seus proxenitores. “Como un neno, nena e adolescente, procesa, sinte e percibe a situación familiar e, en especial, o conflito interparental, é algo que os profesionais que interveñen nos procesos de ruptura de parella deben coñecer para poderlles axudar”, conclúen os coordinadores do libro, pondo o foco “en como a escoita activa, a empatía e a intelixencia emocional resultan decisivas” neste tipo de procesos. 

A importancia da especialización

Outra das cuestións que se pode concluír do libro, como sinala Fariña, “é que necesitamos unha nova maneira de exercer o dereito de familia que pasa, indefectiblemente, pola especialización de todos os profesionais que interveñen”. Para a catedrática, “realmente requírese un cambio de paradigma no tratamento dos casos de familia” que, máis aló da especialización, pasa ao seu xuízo pola xustiza terapéutica, coa que se “busca mellorar o benestar psicoemocional de todas as persoas implicadas no procedemento”.

Nese mesmo senso, Xavier Abel, presidente dunha plataforma interdisciplinar que ten entre os seus obxectivos promover a especialización dos xulgados de familia, pon o acento en que esta especialización deberá implicar tamén “dar un maior protagonismo” as nenas, nenos e adolescentes, tendo en conta ademais que “unha resolución que, cando menos, non tivera en conta a súa opinión pode ser unha resolución distanciada da realidade e con menos posibilidades de satisfacer o interese superior do menor”. Partindo do feito de que “o vínculo entre os proxenitores pode quebrarse, pero o vínculo dos fillos cos seus pais dificilmente se quebra e debe reforzarse para a maior estabilidade emocional dos nenos, nenas e adolescentes e o desenvolvemento integral da súa personalidade”, Xavier Abel sinala a necesidade dunha “regulación máis completa da audiencia das nenas, nenos a adolescentes, seguindo as recomendacións das guías de boas prácticas profesionais”, mais tamén á necesidade dun “cambio de paradigma”, que promova a abordaxe destes procesos desde “unha perspectiva multidisciplinar”.