DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca pon á venda máis de 3000 exemplares para recadar fondos para a ONG Proem-Aid

Libros salvavidas para quen “non quere matar nin ser asasinado”

As publicacións foron doadas por particulares e institucións e seguirán recolléndose ata este xoves

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/04/2017

Segundo a ONU falecen cada día 14 persoas tratando de chegar a Europa fuxindo de guerras, persecucións e fame; en 2016 foron 5000 as persoas que perderon a vida tratando de cruzar o Mediterráneo. Unha crise humanitaria que levou ao persoal da Biblioteca Universitaria a implicarse empregando as súas ferramentas de traballo, os libros. O proxecto Libros salvavidas trata de que cada libro sirva para axudar a aqueles que cruzan un mar na procura dun futuro; unha doazón de libros solidaria cuxa venda achegará recursos económicos destinados ao rescate das e dos refuxiados que foxen da guerra e da morte. E é que como explicaban no coloquio inaugural desta campaña solidaria, que este martes tivo lugar no Centro Comercial de Cidade Universitaria, representantes de ONGs, voluntarios, xornalistas e políticos, o que realmente queren as persoas que chegan ás fronteiras europeas “é vivir, salvar a súa vida, non morrer e non ter que matar para seguir vivos, é unha cuestión de pura supervivencia”. Nesta mesa redonda, coa que se inaugura unha semana de mercados solidarios de libros nos tres campus, participaron Alberto Agrelo, bombeiro que colabora coa ONG Proem-Aid; o ilustrador e deseñador Iago Araújo, que estivo de voluntario no campo de refuxiados Oinofyta (Grecia); o fotógrafo documental Felipe Carnotto e a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que visitou os campamentos de Calais e Idomeni.

Máis de 3000 exemplares doados

Estas actividades son froito do traballo realizado polo persoal da Biblioteca Universitaria da Universidade de Vigo, que leva semanas recollendo, clasificando e organizando os exemplares doados por particulares, institucións e polos propios escritores e escritoras que se involucraron nesta iniciativa. O que naceu como unha proposta para o campus de Vigo foi crecendo exponencialmente ata chegar a preto de 3000 libros recollidos nos tres campus que se venderán nos diferentes centros da Universidade a un prezo de 4 euros (10 no caso de estar asinados polos escritores e escritoras) ata o xoves. Estas novelas, cómics, libros de cine, de música, libros infantís, de poesía, etc. transformaranse en axuda para os refuxiados a través da doazón á ONG Proem-aid, que socorre as persoas que chegan por mar á illa de Lesbos. Ademais, os Libros Salvavidas terán un peche especial cunha actuación de maxia a cargo de Leo Leiño o día 6 de maio ás 18.00 no colexio Santiago Apóstol de Vigo.

Dende que se iniciou a recollida de libros, no campus de Vigo doáronse máis 1600, no de Ourense 1000 e no de Pontevedra máis de 200. Con todo, dende a organización lembran que ata o xoves se poderán seguir entregando exemplares, que se irán poñendo en venda nos diferentes mercados que se instalarán nos centros dos tres campus. Ademais, numerosos escritores e escritoras decidiron poñer o seu gran de area e doar libros asinados que lle achegan un maior valor aos mesmos. Entre eles Irene Silva, Diego Ameixeiras, Rosalía Fernández Rial, Marilar Aleixandre, Antón Cortizas, Sabela González, Anxo Fariña, Miguel Sande, Iria Collazo ou Xulia Alonso. Tamén dende o mundo da música artistas como Eladio y los Seres Queridos ou Treixadura cederon solidariamente discos asinados e institucións como o Concello de Pantón ou as bibliotecas de Redondela recolleron libros para esta iniciativa.

A loita pola vida que choca cun peche de fronteiras

Os voluntarios Alberto Agrelo e Iago Araújo, o fotógrafo documental Felipe Carnotto e a eurodeputada do BNG Ana Miranda, cada un dende a súa experiencia nos diferentes campos de refuxiados de Calais, Dunquerke ou Idomeni relataron a dureza dunha crise humanitaria ante a cal Europa mira para outro lado. A situación dos campos de refuxiados é inhumana, condicións de vida insalubres, de abusos, fame e frío, empeoradas polas mafias que se enriquecen das rutas migratorias cara o norte de Europa. Nestes negocios paralelos están implicadas non só redes criminais, explicaba Carnotto, “senón tamén policías e autoridades de países como Libia que abusan da situación dos refuxiados”. Tras o seu paso por varios campos que se plasma no libro A ruta dos refuxiados denuncia a existencia de “refuxiados de primeira e de segunda, porque ao final, por moito que se compliquen as fronteiras, con cartos logras pasar”. A eurodeputada Ana Mirada facía un relato cru da vida en campos como o de Calais, no que vivían 14.000 antes do seu peche decretado polo goberno francés. Chegan a estes campos nunha “fuxida pola vida, escapando de guerras, persecucións políticas ou relixiosas, violacións, matrimonios concertados...”. Recoñecía que a pesar de que o observan lles afecta moito, “con frialdade temos que contar o que atopamos, barrigas de embarazas negras por ter sido pisadas, nenos durmindo no chan, 20 duchas para miles de persoas...” Neste sentido denunciou a actitude da UE por non ter unha política de asilo común e por externalizar as fronteiras pagando a países como Turquía ou Marrocos por conter a migración. Pola súa banda Alberto Agrelo e Iago Araújo relataron a súa experiencia como voluntarios, o primeiro en rescate nas costas de Lesbos e o segundo nun campo grego. Ambos destacaban a situación límite na que chegan a Europa, física e psicoloxicamente, “precisan recuperar a dignidade e, pola contra, cando chegan seguen estando indefensos e dependendo da axudas de ONGs e voluntarios”. Por iso aproveitaron para animar a toda a sociedade a colaborar ben no propio terreo, ben cooperando coas asociacións ou ben traballando na educación, concienciación e sensibilización da sociedade, comezando polos máis cativos.

Horarios e situación dos postos de venda

Mañá mércores os mercadillos estarán na EE de Minas e da Enerxía, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Experimentais e Filoloxía e Tradución de 11.30 a 14.00 horas, mentres que o xoves será a derradeira xornada e os postos estarán abertos de 10.00 a 14.00 horas no Centro Comercial de Cidade Universitaria e na EE Industrial sede cidade de 11.30 a 13.30 h. No campus de Ourense o posto da Biblioteca Central estará aberto os tres días de 09.30 a 14.30 h. e de 16 a 19.00 h. Finalmente, en Pontevedra o posto está na Biblioteca Central do campus hoxe ata as 20.00 horas e mañá de 9 a 14 horas.

Ademais, de xeito paralelo á iniciativa Libros Salvavidas a Biblioteca Central do campus de Vigo acolle unha exposición bibliográfica relacionada coa axuda humanitaria, cos conflitos que provocan éxodos e coas migracións. Libros e películas estarán expostos ata final de mes.