DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa graduación da XII promoción

A licenciatura en Química xa ten 37 novos representantes no mercado laboral

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 27/06/2008

Ateigado de familiares e amigos estaba o salón de actos da Edificio de Ciencias Experimentais para ser testemuña da graduación dunha nova promoción de licenciados en Química que entra no mercado laboral.
O acto, presidido por Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, contou coa presenza de Ana María Graña, vicedecana da Facultade de Química, e Luís Muñoz, decano do centro, que felicitou efusivamente aos alumnos por “ter rematado unha das titulacións máis difíciles que se imparten nesta Universidade”, tal como sinalou, engadindo que “conta cunha nota media de 0.98, o que a sitúa só por encima de Enxeñaría de Minas”. Do mesmo xeito, Muñoz referiuse aos cambios que están a acontecer actualmente no panorama universitario coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, “un modelo que obrigará aos profesionais a estar formándose constantemente”, segundo as súas verbas. Algúns dos alumnos, conscientes da situación, xa están pensando en cursar un dos másteres que a Universidade oferta. Este é o caso de Tamara Costas, unha das egresadas, que afirma que “canto mellor preparados esteamos para afrontar o futuro laboral, mellor, por iso vou seguir perfeccionando os meus coñecementos e especializándome”.
En representación dos trinta e sete estudantes que hoxe recibían as súas bandas e diplomas, Carmen Prieto sinalou que “o día de hoxe é un momento de sentimentos encontrados, de alegría e tristeza, de felicidade e incertidume ante o futuro que nos agarda”. Ademais agradeceu aos familiares o apoio prestado durante os anos de carreira, posto que son un importante apoio ao longo da etapa de formación.

Consellos para o futuro

“Unha titulación consolidade no mercado laboral”. Deste xeito definiu Muñoz a licenciatura en Química, que “segundo demostran os estudos, é a quinta en canto a titulados na industria galega”, continuou. Para afrontar este prometedor futuro laboral que espera aos egresados, Antonio Ibáñez, padriño da promoción e profesor de Departamento de Química Orgánica, invitounos a actualizar constantemente os coñecementos relativos a informática e inglés, posto que “hai que moverse, como mínimo, por Europa, sen ter medo e estando disposto a trasladarse alí onde está o traballo”, afirmou. A este respecto Iván Area sinalou que “a Facultade de Química é pioneira en recoñecer a importancia dos idiomas no mundo en que nos toca vivir, e por isto xa se comprometeu a impartir un terzo da docencia en inglés, e os outros dous terzos en galego e castelán”.