DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Belas Artes acolle este xoves o coloquio ‘Apartheid en Gaza’

A Liga Estudantil Galega inicia o curso achegando o alumnado á situación de Palestina

Participarán no acto Elvira Souto, de BDS-Galiza, e de Sami Ashour, da asociación Jenin

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 24/09/2014

No marco da serie de actos que levan a cabo con motivo do inicio do curso académico, os representantes da Liga Estudantil Galega en Pontevedra tratan cada ano de promover un relatorio “que aborde un asunto de carácter internacional, xa que isto sempre chama máis a atención do alumnado”, segundo apunta o seu portavoz no campus, Javier Brea. Por iso, se hai un ano, o conflito en Siria centrou o primeiro coloquio do curso, “despois de todo o que pasou este verán, dos ataques de Israel na franxa de Gaza, o noso interese é dar a coñecer este conflito e amosar a nosa solidariedade co pobo palestino”, salienta Brea.

Visións desde dentro e fóra de Palestina

Apartheid en Gaza é o título do coloquio que esta organización estudantil promoveu xunto co colectivo Mar de Lumes e que terá lugar este xoves 25 ás 20.00 horas na Facultade de Belas Artes. O obxectivo deste coloquio, explica Brea, é achegar dúas visións sobre a situación na que atopa Palestina, da man dos dous relatores convidados. Por unha banda, esta actividade contará coa participación de Samir Ashour, representante da Asociación Galaico-Árabe Jemin, que segundo explica o representante da Liga Estudantil non só abordará o acontecido nos últimos meses, trala entrada das tropas terrestres israelís na franxa de Gaza. “Falará tamén da situación na que se atopa o seu país, de como é a vida en Gaza, da falta de alimentos e dos cortes de luz e auga que sofren”, apunta Brea. Mais así mesmo, Ashour tamén informará de como é a situación dos palestinos que se atopan fóra e “de como se organizan para mandar axuda á franxa”.

Xunto a Ashour, participará nesta iniciativa Elvira Souto, representante de BDS-Galiza, unha plataforma que promove o boicot a Israel no marco dunha campaña de carácter internacional. “Trátase dunha iniciativa que xurdiu no ano 2004 a petición da sociedade palestina, de máis dun milleiro de colectivos, que lembraban a campaña que se levara a cabo contra o apartheid en Sudáfrica e pedían unha campaña similar contra a colonización israelí”, apunta Souto, portavoz dun colectivo que comezou a operar en Galicia no ano 2010 e que está a recibir “unha resposta realmente impresionante por parte da sociedade galega, que está a amosar unha gran sensibilidade”.

“Animar aos estudantes a que coñezan esta campaña, que non só afecta ao consumo de todo tipo de produtos, senón que busca tamén un boicot de tipo académico, cultural ou deportivo” é o obxectivo co que Souto chegará mañá á facultade Belas Artes. Neste senso, a portavoz de BDS-Galiza relatará aos asistentes algunhas das actuacións levadas a cabo desde esta plataforma, como ter reclamado a determinadas empresas que non comercializasen produtos orixinarios de Israel, como poden ser os cosméticos que empregan sales do Mar Morto e que “son elaborados con recursos espoliados”.

Unha campaña informativa para comezar o curso

Ademais de achegar ao alumnado á realidade de Palestina, con este coloquio a Liga Estudantil Galega tamén busca “amosar que, na Universidade, hai outro mundo máis aló das aulas”, e presentar precisamente o labor que desenvolve esta organización estudantil. Con este mesmo obxectivo, os integrantes da Liga no campus están a levar a cabo nas últimas semanas outra serie de actuacións, como asembleas abertas nas facultades ou a instalación de mesas informativas como a que este mércores se despregou ás portas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que mañá trasladarán a Belas Artes, e na que distribúen “información sobre os dereitos básicos do alumnado e sobre as diferentes axudas e bolsas ás que poden optar”, segundo explica Brea.