DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense ofrece este curso máis de 40 propostas de escolas deportivas

Se lle pides máis á túa forma física...

Defensa persoal feminina e danza da Polinesia son algunhas das novidades na programación

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 10/09/2013
Un dos bos propósitos de cada inicio de curso é aproveitar máis e mellor as instalacións e servizos deportivos que ofrece a Universidade de Vigo. Para que este desexo se converta en realidade e para que os máis inconformistas coa súa forma física atopen o que buscan, o Servizo de Deportes do campus de Ourense ofrece un amplo abano de posibilidades. Entre elas destacan as máis de 40 propostas de escolas deportivas que se desenvolverán ao longo destes meses e os distintos tipos de tarxetas e abonos dispoñibles para acceder ás instalacións universitarias. Defensa persoal feminina e danza da Polinesia son algunhas das novidades para este 2013/2014.

“Como vimos facendo cada ano, o que intentamos na programación deste curso é manter as propostas que xa están consolidadas e ofrecer novas posibilidades que atraian á práctica deportiva a novos públicos. Ademais, nesta ocasión fixemos fincapé en intentar sacarlle o máximo proveito posible ás instalacións universitarias, incrementando por exemplo as actividades na piscina”, explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus. Cun abano moi amplo de modalidades, prezos, horarios e localizacións, apunta Pivida, non hai escusa para non atopar un oco na axenda e cada semana, entre clase e clase, facer un pouco de actividade física.

Máis de 40 escolas deportivas para escoller

Este curso, os membros da comunidade universitaria interesados teñen á súa disposición case medio cento de escolas deportivas. Nelas, ao longo de un ou de dous cuadrimestres, poden aprender e practicar todo tipo de deportes, como tenis, natación, squash, pilates, ioga, street e break dance, aeróbic, adestramento persoal, danza oriental, taichí, boot camp ou xadrez. Como novidades deste ano incorpóranse actividades como circuit-fit, defensa persoal feminina, hapkido, danza da Polinesia ou salvamento acuático deportivo. Como curiosidade, e dentro da política de fomentar a internacionalización lingüística entre a comunidade universitaria, as clases dun dos grupos de ritmos latinos serán impartidas en inglés.

Os espazos nos que se desenvolverán as escolas serán as instalacións do campus de Ourense, como o pavillón, as pistas de tenis, o campus de futbol-rugby e a ludoteca; a piscina universitaria CDU-AQA e centros externos como Bregma, Pavillón dos Remedios, Camino Pilates, Casa del Elefante, Enka Danza Oriental, Sabrosura e os ximnasio Marbel, 2000 e Dinamic Center. Con prezo diferentes segundo a modalidade que se escolla e a duración, o primeiro período de matrícula está aberto ata o 24 de setembro e o segundo abrirase o 20 de xaneiro de 2014. As clases para o primeiro cuadrimestre prolongaranse do 30 de setembro ao 21 de decembro e do 7 de xaneiro ao 8 de febreiro.

Tarxetas e abonos para os habituais

Para as persoas ou grupos que non queiran inscribirse nunha actividade en concreto e que prefiran a práctica deportiva libre no campus, o Servizo de Deportes ofrécelles unha serie de abonos e tarxetas con diferentes vantaxes. Ao contrario que no caso das escolas, estas posibilidades están a disposición de todos os cidadáns e non só dos membros da comunidade universitaria. Segundo a modalidade que merquen e o tipo de público que sexan, os usuarios poderán empregar durante o curso as instalacións tanto de uso individual coma colectivo do campus, como a súa sala de cardio-fitness, pistas de atletismo, tenis de mesa, pistas de tenis, campo de herba sintética ou o pavillón. Entre as novidades deste ano, ofértase unha tarxeta para empregar de xeito combinado as instalacións deportivas e a piscina universitaria.