DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Llorenç Barber trae á Casa das Campás un concerto co seu "campanario de peto"

Experto en música experimental, propón os sons idónea para este espazo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 30/04/2010

O compositor, musicólogo e instrumentista valenciano Llorenç Barber actúa hoxe na Casa das Campás ofrecendo un concerto de música que ten como instrumento principal, precisamente, “un campanario de peto” construído por el mesmo e ao que define como o seu “teclado persoal”. A súa intervención encádrase na sección Interzonas do programa cultural da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, que busca adaptar a obra dos artistas ao espazo, xerando un diálogo coa contorna e cos espectadores. Experto en campanoloxía, ademais doutras linguaxes musicais diversas, as composicións de Barber convértense así nas máis axeitadas para escoitar neste edificio.
Desde os anos 70 Llorenç Barber practica a música experimental, introducindo elementos como a música plurifocal, a voz diafónica, a poesía fonética ou os concertos urbanos con campás. “Desgaxeime das músicas académicas e comecei a construír os meus propios instrumentos e a practicar un tipo de música filla doutros paradigamas como a paisaxe sonora, a improvisación e o minimalismo”, explica. Conta que desde a adolescencia viviu co pasaporte na man viaxando por medio mundo para coñecer aos grandes músicos do século XX e “porque daquela parecía que a arte e a felicidade estaban fóra”.

Un mundo de fantasías cheo de cor e harmonía

O panorama mudou e hoxe, asentado en Madrid, viaxa para dar a coñecer as súas propias composicións, tendo como principal compañeiro ao seu campanario portátil. As súas 16 campaíñas máis a súa voz soarán hoxe na Casa das Campás nun espectáculo que el mesmo define como “un mundo de fantasías cheo de cor e harmonía, que lle traerá moitas lembranzas ao público grazas ao poder evocador das campás”.
Pero a actuación non será todo música, pois o artista quere abrir un diálogo cos espectadores para falar de como é e vive un músico experimental. Para isto presentará o libro La mosca detrás de la oreja. De la música experimental al arte sonoro en España que escribiu coa súa muller e Montserrat Palacio e que vén de publicar. Intentará así derrubar os tópicos sobre as novas linguaxes sonoras. “Non é unha música tan rara e difícil de escoitar como se di, senón que é moi atractiva e fermosa e a xente pásao moi ben cando vai a un concerto”, comenta. Segundo Barber, desde o primeiro manifesto futurista de 1909 ata a música feita por ordenador de hoxe pasou un século de grandes mudanzas, no que a música experimental deixou de ser a extravagancia dun autor para converterse en algo máis dinámico, aberto e accesible para todos.
Nacido en Aielo de Malferit en 1948, Llorenç Barber vive en Madrid dende os anos 70, onde dirixiu a Aula de Música da Universidade Complutense, colaborou co programa El Mirador de TVE e foi profesor do instituto de estética de Madrid. Desde 1992 dirixe Paralelo Madrid, serie de concertos que O Círculo de Bellas Artes dedica ás outras músicas, e desde 1998 organiza as Nits d’Aielo i Art, un festival anual dedicado á arte experimental.
A súa actividade individual complétase coa súa creación xunto a Fátima Miranda en grupos como Flatus Voci Trio ou o Taller de Música Mundana, unha das máis importantes experiencias da nova música en Europa.