DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus celebra o acto de benvida aos estudantes de intercambio que se incorporan ás aulas ourensás

E logo ti, de onde vés sendo?

Portugal e Brasil son os principais lugares de procedencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 23/09/2011
Son 47 estudantes procedentes de 18 países, de dous continentes e de contextos persoais e académicos moi diferentes. Moitos veñen de lugares lusófonos, como Portugal e Brasil, e outros de países como Colombia, Chequia ou Turquía pero todos teñen en común que este cuadrimestre se incorporan ás aulas ourensás e poñen nome e apelidos á faciana máis internacional e multicultural da Universidade. O campus de Ourense deu a benvida este venres ao seu alumnado de intercambio desexándolle unha frutífera estadía na Universidade de Vigo e na cidade das Burgas.
Os estudantes, que se incorporan ao campus grazas principalmente a convenios bilaterais e programas Erasmus, foron recibidos por Manuel José Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; e Eva Garea, técnica da Oficina de Relacións Internacionais. “Estades agora nunha das mellores universidades do mundo, aproveitade esta oportunidade ao máximo”, recomendoulles Manuel J. Fernández aos estudantes durante o acto de benvida. Un consello compartido por María Lameiras, que os animou a “sacar o máximo proveito desta experiencia, tanto no eido profesional coma no persoal”.

Os datos

Este curso incorpóranse ao campus de Ourense 47 estudantes de intercambio, 28 no primeiro cuadrimestre, 6 no segundo e 13 estarán durante todo o ano. Os países de procedencia son Portugal, Romanía, Colombia, Italia, Alemaña, México, Brasil, Arxentina, Paraguai, Polonia, Hungría, Francia, Uruguai, Croacia, Grecia, Cuba, Turquía e Chequia. Portugal, con nove persoas, e Brasil, con seis, son os países que achegan máis estudantes e converten á comunidade lusófona na máis numerosa. Por centros, a Facultade de Ciencias da Educación é a que máis alumnado foráneo atrae, catorce persoas, seguida pola de Ciencias Empresariais e Turismo, con once, e pola de Ciencias, con nove. Á Escola Superior de Enxeñaría Informática incorpóranse este curso cinco alumnos de intercambio e ás de Dereito e Historia catro a cada unha delas.

As impresións de partida

Todos eles afrontan o curso cheos de expectativas por comezar un novo ano académico e sobre todo por facelo nun país diferente ao seu de orixe. É o caso de Lilla Weszprémy, procedente de Hungría, e que se incorpora á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Chegou a principios de setembro e as súas primeiras impresións do campus e a cidade son moi positivas. “Gústame a facultade, os profesores son moi amables, os estudantes apóiannos moito e o campus e a cidade non son moi grandes polo que de seguro poderemos coñecelos ben e sentirnos a gusto”, explica. Unha primeira impresión moi similar á do brasileiro Newton Campos, que a piques de xubilarse decidiu que era moi novo para pechar a súa vida profesional e comezou a estudar Xeografía e Historia para ser docente. Unha decisión que agora o trae ao campus de Ourense grazas a un convenio bilateral e “porque me encanta Galicia e sobre todo a súa gastronomía”.

Trala benvida oficial, os técnicos de Actividades Culturais, Deportes, Gabinete Psicopedagóxico, Centro de Linguas, Biblioteca e outros servizos do campus foron presentando aos estudantes de intercambio presentes os recursos e oportunidades que teñen á súa disposición na Universidade de Vigo. O seu obxectivo é que ademais da formación académica, estes alumnos gocen de actividades complementarias que fagan máis proveitosa e enriquecedora a súa estadía en Ourense.