DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense rendeu este martes unha homenaxe ao arquitecto galego Antonio Palacios

Do logotipo do metro de Madrid ao Templo de Vera Cruz

É o autor dalgúns dos máis destacados edificios da capital

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/04/2013

Ao entrar no metro de Madrid e ver o seu logotipo, ao pasear pola Praza de Cibeles ou ao entrar nalgunhas das máis importantes institucións da capital, como o seu concello ou o Instituto Cervantes, estamos diante da obra dun dos máis destacados arquitectos galegos, a de Antonio Palacios. Nado en Porriño en 1876, este creador tamén realizou en Galicia diferentes obras, como o Templo de Vera Cruz e o Templo Votivo do Mar de Panxón. Por esta relevancia histórica e artística, o campus de Ourense acolleu este martes unha homenaxe entre cuxos participantes estivo Adolfo Otero, o primeiro construtor que no Carballiño traballou con Palacios na creación de Vera Cruz.

A iniciativa, promovida por Adro Novo e a Facultade de Historia, coordinada por Rafael Otero e realizada por Castro e Alonso Arquitectos e por Otero Janeiro Arquitectos, constou de tres partes. En primeiro lugar, inaugurouse unha exposición sobre a obra e a traxectoria do homenaxeado titulada Antonio Palacios. Famulus dei, expresión latina que significa servidor de deus. A mostra, que inclúe fotografías da construción do Templo de Vera Cruz cedidas pola asociación O Potiños, estará situada na entrada do Edificio de Ferro ata o 26 de abril. Para contextualizar esta exposición, a catedrática da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero ofreceu unha conferencia sobre a figura de Palacios e proxectouse o documental O Templo da Vera Cruz, de Anxo Santomil.

Unha figura sorprendente

“Antonio Palacios é unha figura sorprendente. Ao pouco de ser licenciado consegue por concurso realizar o Palacio de Comunicacións, sede agora do Concello de Madrid, e acada así unha proxección enorme, participando da expansión que vivía a cidade nese momento”, explicou Carballo-Calero durante a súa intervención, que foi presentada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. Entre as súas numerosas obras de Palacios desa época, a catedrática destacou a Casa das Cariátides, o Hospital de Xornaleiros de Maudes e o edificio do Círculo de Belas Artes de Madrid, a súa obra máis destacada. “A partir de 1926, acadado o máximo recoñecemento, e vendo como no resto do mundo se facía unha arquitectura racionalista que el non quería facer, volveu a súa ollada a Galicia para ensaiar un rexionalismo do que saíron obras como o Templo de Panxón ou a sede do Concello de Porriño”, subliñou a historiadora.

Froito dese volver a Galicia está tamén o Templo de Vera Cruz, na que o construtor Adolfo Otero traballou case durante dúas décadas despois de coñecer con 16 anos a Palacios. “Eu puxen a primeira pedra e tamén a última. É unha gran alegría poder estar hoxe aquí lembrándoo”, explicou Otero durante a visita á mostra. Precisamente entre as fotografías que recolle a exposición está a imaxe de Otero en diferentes momentos da construción do templo. Unha longa vinculación e admiración que fixo que o seu fillo, Rafael Otero, se decidise a organizar esta homenaxe ao arquitecto galego.

“Foi un grande urbanista que fixo unha arquitectura moi plástica e escultórica, uns edificios que foron concibidos como obras de arte no seu conxunto e que hoxe en día acollen destacadas institucións, feito que permite a súa mellor conservación”, apuntou Carballo-Calero. Foron en total catro décadas de traballo arquitectónico que, destacou a historiadora, dun creador que tivo éxito moi pronto e non conforme co que estaba de moda nese momento, deu un xiro radical para volver á súa terra e contactar co galeguismo da época e facer unha arquitectura “rexionalista”.