DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Denuncia e esperanza a través de 50 fotografías

A loita contra a pederastia en Camboia, eixo da exposición “Había una vez un niño"

A mostra poderá visitarse ata o 9 de decembro na primeira planta do Edificio Politécnico

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 26/11/2008
Unha imaxe vale máis ca mil palabras, por iso nada mellor que unha exposición fotográfica para abrirnos os ollos sobre a realidade da pederastia en Camboia. Había una vez un niño é o título baixo o que se amosasn máis de 50 fotografías que achegan o traballo que Global Humanitaria realiza na loita contra a explotación sexual dos nenos camboianos. A ollada de Juan Díaz, fotógrafo da exposición, achéganos á vida das vítimas e aos fogares de acollida onde viven e se recuperan moitos dos rapaces que sufren estes abusos. A experiencia deste fotógrafo, que acompañou aos investigadores camboianos, quen en busca de probas percorren día e noita as rúas de Phnom Penh, Sihanoukville e Siemp Reap, ofrece unha visión “que é difícil de esquecer, en ocasións o meu traballo volvíase insoportable”, relatou Díaz durante o coloquio cos alumnos da Facultade de Ciencias da Educación. “As imaxes e historias que vivía cada día afectábanme psicoloxicamente”, engadíu o autor da mostra.
A mostra, que se poderá visitar na primeira planta do Edificio Politécnico ata o 9 de decembro, denuncia o déficit de saúde democrática e xustiza social que padece a poboación camboiana e que deixa á deriva a miles de nenos. Ao tempo ofrece tamén unha unha raiola de esperanza, ao amosar que a loita contra os abusos sexuais e a impunidade dos pederastas comeza a dar os seus froitos.

Que é Protect?

Protect é un proxecto de investigación e denuncia dos abusos sexuais a menores cometidos por estranxeiros que viven ou están de paso en Camboia. Foi posto en marcha no ano 2003 e é unha acción conxunta da ONG española Global Humanitaria e da francesa Action Pour Les Enfants. O labor que realizan incide basicamente en tres aspectos: a investigación de sospeitosos e o apoio á intervención policial, a defensa legal das vítimas e a tutela xudicial dos procesos contra abusadores e a asistencia social aos nenos abusados na que se inclúen os hogares de acollida. Antes da chegada deste proxecto a Camboia a detención e xuizo de pederastas estranxeiros “era algo impensable”, comentou Díaz, pero coa acción de Protect vaise logrando que estes delitos non saían impunes. Un total de 131 expedientes foron abertos desde a creación do proxecto e, coa axuda da policía, máis de 30 pederastas foron xulgados e condeados a prisión polos seus delitos. Por outra banda, Protect ofreceu, desde 2003, asistencia legal e psicolóxica a máis de 140 nenos e contan con tres hogares de acollida no que viven 82 vítimas de abusos sexuais, neles axúdanos a superan as secuelas e reciben unha educación para o seu futuro.