DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Omar Saaudoune, Karim Kharbaboui e Othman Freakaoui convidados a unha nova xornada de 'Chámalle X'

A loita xeracional leva aos novos artistas marroquís a expresarse na rúa

Os tabús da cultura árabe impiden o desenvolvemento pleno das novas expresións artísticas do país

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 10/11/2011

“Non existe o fracaso. Sempre hai alternativas”. Este foi o espírito de loita e de superación que trasladaron os artistas Omar Saaudoune, Karim Kharbaboui e Othman Freakaoui, convidados á oitava edición de Chámalle X para afondar na situación e problemáticas que viven as novas xeracións de artistas en Marrocos. Unha das principais trabas xorde dende dentro do propio sector coa oposición das vellas xeracións da arte ás expresións máis actuais. “Dáse unha loita xeracional na que queren manter unhas xerarquías, polo que reducen as nosas posibilidades de evolución”, explicou Kharbaboui, de aí que as novas promesas opten por romper esas barreiras dende a rúa, “reivindicando que existimos e que estamos aquí”, engadiu Saaudoune.

Consecuencia desta falta de apoio dende dentro do propio ámbito da arte, esta nova xeración, “que sabe o que quere facer e busca novas experiencias”, converte os espazos públicos no seu lugar de exhibición. “Fuximos dos catro muros dunha galería porque queremos que a nosa mensaxe a escoite o maior número de xente posible”, sinalou Karim Kharbaboui. Sen embargo, confesaron que as salas de exposicións máis coñecidas do país tampouco amosan interese pola súa concepción de arte e “rexeitan calquera proposta dun artista novo, que goza dunha formación excelente grazas ás escolas e ao coñecemento que achega internet”, apuntou Kharbaboui.

Moitos tabús

O conservadorismo da cultura musulmá tampouco axuda ao desenvolvemento destas novas expresións artísticas, como a performance, o vídeo arte ou as instalacións, pois "a sociedade non a entende e tenta escapar dela”, sinalou Saaudoune. Séntese na obriga de respectar certos tabús, sobre todo relacionados coa relixión e a política. “É preferible non xogar cos versos do Corán nin co nome do profeta e o debuxo de corpos espidos ofende aínda a moita xente”, comentaron. Para esta nova xeración de artistas é necesario romper con estes rituais na arte para lograr a máxima expresión. Neste contexto, denunciaron a hipocrisía de outros compañeiros de profesión que, "dependendo de onde expoñan, fan unha versión da obra ou outra”, mentres que eles avogan por manter a coherencia “para loitar pola identidade da arte marroquí”. Karim Kharbaboui recoñeceu que unha vez que abandonou Marrocos e regresou, tras uns anos traballando en París, “ata o ministro de Cultura me chamaba” e sinalou que sempre se aprecia o procedente do exterior mentres "o máis próximo nin sequera se coñece”, engadiu.

Omar Saaudoune afondou na historia da arte marroquí da que destacou que non ten máis de 50 anos de percorrido. “A primeira escola de Belas Artes data de 1945 e o primeiro estudante marroquí musulmán desta disciplina pisou as aulas en 1960”. Saaudoune tamén protagonizou unha performance na Sala X, na que, envolto en papel transparente, saíu ás rúas pontevedresas para amosar unha acción inspirada na revolución do mundo árabe “e a necesidade de transmitir ese valor a todos e todas”.

Mañá venres a programación de Chámalle X abandona Pontevedra para trasladarse ao Museo Marco de Vigo, onde actuará Lucía Peiró, que clausurará esta nova edición das Xornadas de Arte en Acción, organizadas polo profesor Carlos Tejo co apoio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.