DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proposta do Servizo de Deportes nun curso de iniciación que terá lugar en abril e maio

Loitas olímpicas para romper coa rutina diaria e gañar autoconfianza

O prazo de inscrición é ata o día 8 de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 26/03/2010

Derrubar os prexuízos en torno aos deportes de loita, paliar o descoñecemento sobre eles e achegalos á comunidade universitaria é o obxectivo do Curso de iniciación ás loitas olímpicas, promovido polo Servizo de Deportes, en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e o Club CafyD Pontevedra, que se desenvolverá no tatami da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nos meses de abril e maio. Aseguran que é un tipo de exercicio apto para calquera persoa, que fomenta a autoconfianza e o instinto de superación, e que é moi axeitado para romper coa rutina e o estrés da vida diaria.
Así o manifesta o profesor do curso, Marcos Miragalla, adestrador e loitador, que conta cun bo palmarés a nivel galego e estatal. “A loita é un deporte moi completo, no que quizais predomine algo a forzar porque se compite por pesos, pero no que se traballan todas as características físicas”, sinala. Por isto, considera que é un tipo de exercicio adecuado para a vida cotiá, accesible para todo o mundo, e non só un deporte de alto rendemento.
“A loita é un deporte que lle permite ás persoas que o practican gañar autoconfianza, autocontrol, fainas sentirse seguras e fomenta o seu instinto de superación”, asegura o profesor. Así mesmo, considera que é un excelente regulador do estrés e unha boa maneira de mellorar as relacións interpersoais. “Cando dúas persoas levan un tempo pelexando xuntas, a amizade que se xera entre elas é incrible”, describe Miragalla.

Un deporte de contacto físico, pero sen golpeo

As loitas olímpicas inclúen a loita libre e a loita grecorromana, dúas modalidades cunha mesma característica, que é a de intentar derrubar ao adversario, pero sen golpealo. O obxectivo é facer caer ao chan ao adversario e mantelo tombado o tempo suficiente para que o árbitro considere gañado o combate, pero só con técnicas de agarre. “O contacto ten que ser corpo con corpo, tampouco serve agarrar a roupa e está prohibido o golpeo”, explica Miragalla, que sinala que isto é o que o singulariza fronte a outros deportes de loita como o judo, nos que se permite a estrangulación e a luxación.
Está aberto a todas as persoas interesadas, tanto con coñecementos previos e en boa forma física como non, “polo que os aspectos técnicos tratados serán sinxelos e adaptaranse en función dos asistentes”, comenta o adestrador. “Outra vantaxe deste deporte é que non se precisa ningún material, pois abonda con ir en chándal”.
Miragalla lamenta o descoñecemento existente en torno ás loitas olímpicas, nas que subliña que Galicia é unha potencia a nivel internacional. “Non saímos moito na tele, pero hai un grupo de rapaces que está facendo un papel estupendo porque están a tope”, afirma. “Aquí mesmo, en Pontevedra, existe unha escola de loita no Centro de Tecnificación Deportiva que está obtendo moi bos resultados”, engade.
Ademais, segundo o profesor do curso, “temos medallistas en case todos os pesos, este ano quedamos campións por comunidades na categoría sénior e, aínda que sexa aventurado dicilo, probablemente quedemos segundos na junior”. O loitador está convencido do bo nivel galego neste deporte dende as idades máis temperás, polo que considera fundamental dalo a coñecer e difundir o traballo que se está facendo.

A inscrición pode realizarse ata o 8 de abril

O prazo de inscrición no curso xa está aberto e pode realizarse ata o día 8 de abril no Servizo de Deportes do campus (Pavillón Universitario, Cruz Vermella s/n). O custe desta actividade é de 15 € e levarase a cabo nos meses de abril (os días 12, 14, 19, 21, 26 e 28) e maio (os días 3, 5, 10 e 12) en horario de 20.00 a 21.30 horas. Para obter máis información pódese chamar ao 986802088 ou escribir a depor-po@uvigo.es.