DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Era docente na Facultade de Fisioterapia

Loito no campus polo falecemento do alpinista e profesor Abel Alonso

A Igrexa Conventual de San Francisco de Pontevedra acollerá este mércores unha misa no seu recordo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 30/07/2013

Era un amante da montaña, un alpinista de corazón pero tamén un docente vocacional. O alpinista vigués, Abel Alonso, finou de forma tráxica o pasado 21 de xullo tras alcanzar un dos seus soños, pisar o cumio do Gasherbrum-I (8068 m) en Pakistán. O seu falecemento séntese especialmente no campus de Pontevedra e máis concretamente na Facultade de Fisioterapia da que el formaba parte como profesor asociado, “encargado de acompañar e guiar aos alumnos e alumnas durante as súas prácticas no Hospital Montecelo”, lembraba este martes a decana do centro, Eva María Lantarón, que quixo facer fincapé na calidade humana e profesional “dun compañeiro que non imos esquecer”.

Abel Alonso era un experimentado alpinista que contaba cunha ampla traxectoria no montañismo. Na seu currículo destacan as ascensións ás dúas montañas máis complexas do continente americano: o Aconcagua na Arxentina (6964 m) e o McKinley en Alaska (6194 m). Este vigués tamén realizou expedicións a outros cumios como os Andes ou os Alpes e incluso se adentrou no Himalaya intentando subir ao Ama Dablan en Nepal (6812 m). No ano 2011, Alonso obtivo o recoñecemento da Xunta de Galicia como Deportista Galego de Alto Nivel.

A Igrexa Conventual de San Francisco de Pontevedra acollerá este mércores 31 de xullo, ás 20.00 horas, unha misa no seu recordo á que acudirán numerosos familiares e amigos.