DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por Manuel Ángel Candelas Colodrón, profesor de Literatura Española

Lopezvázquez: o padriño das nosas vidas

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 10/11/2009
López Vázquez era a combinación de apelidos máis respectada na casa. Cando meus pais decidían ir ao cinema, aló polos finais dos 60 e principios dos setenta, esa palabra era definitiva. Cando botaban unha película na tele obrigatoria daquelas épocas e saía o seu nome entre o reparto, a sesión de sofá de escai para mirar o filme era segura. Non mirara eu ningunha película súa e xa sabía que, ao lado de palabras admirables como Carigrán, AlanLad, Carolombard ou Betedavis, a de Lopezvázquez, pronunciada como se fose a dun mito vivinte, era xa patente indiscutible de corso.

Nacín dando por suposta a súa grandeza como actor e medrei, baixo prescripción familiar tan pouco dada á mitomanía, coa idea de que calquera película que contivera o seu rostro merecía ser vista. E de velo en tantas películas, en tantas representacións teatrais, pero, sobre todo, de mirar aos meus pais devotos dos seus esaxerados tics de home inquedo non tardei nada en gustar del. Debe de ser que isto dos gustos nunca nacen do ADN e si do que apreza o entorno máis próximo e a min tocoume por fortuna aprender a admirar aos cómicos, aos actores e ás actrices que fan rir máis que aqueles que acostuman a mover á bágoa ou á compracencia tráxica. E Lopezvázquez facía rir sempre, aínda que fose con aceno amargo ou con negra melancolía, como, por outra parte, deben facer e fan os máis grandes intérpretes da escea.

O canon da literatura tende a encarecer as imitacións dramáticas da vida. Debeu ser iso o que levou a Lopezvazquez a alternar por uns anos o rictus grotesco coa faciana adusta en películas de pretendido fondo social, coma se fixera falta ennoblecer o seu bigote demediado coas cellas circunflexas da severidade. Estes traballos concederon a Lopezvazquez un prestixio único entre certa intelectualidade, sempre refractaria á máscara bufa do grande histrión, pero non conseguiron engrandecer moito máis a un actor que, cunha filmografía de máis de 250 películas, títulos algúns eminentes da cinematografía de todos os tempos, era quen de dirixir e atrapar as miradas dos espectadores en cada unha das esceas que representaba.

Pero agora me basta siquera unha mínima lembranza para elevalo á categoría de mito para sempre; seica pode non ser a súa mellor película, pero é probablemente a cinta dunha época de branco e negro dunha xeración ou de varias xeracións: a dun home calvo berrando cunha frecha de ventosa pegada na fronte e unha cinta de comanche mentres corre por un pasillo demasiado familiar.