DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao longo do primeiro cuadrimestre sucederanse a música, o teatro e os espectáculos de rúa

Love of Lesbian abren este xoves unha programación cultural diversa e vangardista

Fuxan os ventos serán os protagonistas do Concerto de Nadal da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/10/2009

Música de vangarda e apostas emerxentes, revisión de clásicos teatrais galegos e humor a esgalla, espectáculos de rúa participativos e folk para o Nadal. A programación da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes comprende todas as vertentes e diríxese a todos os públicos ofrecendo propostas de aquí e apostas de máis aló que comezan este xoves co concerto dos cataláns Love of Lesbian.
Ao longo do primeiro cuadrimestre sucederanse concertos, representacións teatrais, espectáculos de rúa e incluso proxeccións de longametraxes. Todo isto, segundo a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, conxúgase seguindo a mesma estrutura que outros anos deu moi bo resultado para “balancear propostas emerxentes con outras xa consolidades e conxugando cultura propia con iniciativas máis internacionais”, de modo que a programación musical e teatral sexa para todos os públicos, “unha oferta variada, non só para os estudantes, senón para toda a comunidade universitaria e incluso as súas familias”.

Love of Lesbian, abrindo boca

Os cataláns Love of Lesbian, un grupo xa da vangarda musical nacional serán os encargados de subir o pano da programación de outono este mesmo xoves a partir das 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria. O contrapunto porao o 29 de outubro a posta en escena da banda galega Covalblú, “un grupo emerxente que collemos nos seus inicios” apunta Cabeza, e ao que a Universidade pretende ofrecerlle unha boa oportunidade de abrirse camiño neste mundo. A programación musical complétase cunha nova edición de Sonora, que este ano se concentra nunha soa xornada “de música en directo, afastado do comercial, máis arriscada e que procura outros valores de calidade”. Así, o 18 de novembro o cartel abrirase coa proxección de Control, unha longametraxe baseada na vida de Ian Curtis, vocalista de Joy Division. De seguido, o escenario será para Stanley Brinks xunto coa cantante francesa Freschard e para Ish Marquez. O concerto pecharao a banda de indie inglesa I am Kloot.

Teatro de sala e teatro de rúa

O Teatro Vidal Bolaño volverá ser o centro a oferta de artes escénicas e acollerá a compañías tan recoñecidas como Chévere, Sarabela e Pez en Raya. A perspectiva de xénero dominará a primeira das obras, Testosterona, o vindeiro día 22 e verase complementada cun obradoiro que tentará achegar en clave de humor esta problemática a un público unicamente feminino. Este taller desenvolverase o día 27 de outubro e, baixo o título Ser home por un día, empregará as técnicas teatrais, a maquillaxe ou a xestualidade para, “sempre en clave de humor” facer que as asistentes desenvolvan un rol masculino, un exercicio basicamente de tolerancia e moi produtivo.
Pola súa banda, Sarabela reinterpretará o clásico de Blanco Amor, A Esmorga, “traxedia aceda e cruel, remasterizada e con novas incorporacións estéticas” segundo a vicerreitora, que “servirá de contraste tanto á proposta de Chévere como á de Pez en Raya, que pretende facernos rir, rir e rir”.
A programación teatral complétase “espallando fóra das salas os espectáculos de rúa, unha proposta moi refrescante para rir e participar, para que todos se acheguen ao teatro”. Os primeiros en tomar o campus serán Malabreikers o vindeiro 28 de outubro, aos que seguirán Nanny Cogorno, Mundo Mandarina e Peter Punk, todos eles no centro comercial á hora do xantar.

Fuxan os Ventos no concerto de Nadal

A volta de Fuxan os Ventos aos escenarios vinte anos despois coincide no tempo coa celebración do vixésimo aniversario da Universidade de Vigo, unha circunstancia que fai que a elección do grupo para protagonizar o Concerto de Nadal “estea moi ben acaída” apunta Mª Carmen Cabeza. O recital terá lugar o 16 de decembro no Centro Cultural Caixanova, “estreitando os vínculos entre a Universidade e a cidade”. No seu espectáculo Terra de soños, a banda contará coa colaboración de Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía ou Rodrigo Romaní, entre outros, “que farán deste un concerto único, algo moi especial”.
Pero o achegamento da programación cultural da Universidade á cidade de Vigo comprende tamén a celebración da Semana de Cine Submarino entre o 25 e o 27 de novembro “consolidando esta complicidade entre a comunidade universitaria e a cidadanía” e abrindo a programación cultural a toda a contorna.