DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A loxística do transporte marítimo, un mercado laboral con futuro

Na cuarta edición dun curso que ten a preinscrición aberta ata o 3 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 12/01/2010

Consignatarias, navieiras, astaleiros, transportistas, empresas exportadoras, portos... son moitos os actores implicados no eido do transporte marítimo o que implica un amplo abano de posibilidades profesionais, sobre todo nunha cidade como Vigo, tan vinculada ao mar. Por este motivo, o Departamento de Dereito Privado organiza por cuarto ano consecutivo un curso para complementar a formación dos estudantes e titulados e tamén para a reciclaxe dos profesionais do sector. Promovido por Logidigal, asociación que agrupa a 35 empresas do sector, esta iniciativa ten como obxectivo servir de introdución neste campo, de xeito que os matriculados se poidan especializar e completar a súa formación para aproveitar as sinerxías e posibilidades laborais do transporte marítimo.
Nesta cuarta edición, e tras a “positiva experiencia dos anos anteriores”, segundo explica o coordinador Francisco Torres, ofreceranse once módulos ao longo de 104 horas lectivas que conxugarán a docencia teórica coa práctica e as visitas de campo a empresas implicadas. Entre os temas a tratar, os matriculados farán un primeiro achegamento, “de xeito que o curso sexa asequible para titulados e estudantes de calquera disciplina”, explica Torres, a contidos relacionados co buque, o porto, as cuestión económicas, xurídicas e fiscais, os seguros, o comercio exterior ou o transporte de contedores.
Para os organizadores é de suma importancia a colaboración e participación dos estudantes ao longo do curso, algo que se viu conseguindo nas pasadas edición “grazas a contar cun grupo multidisciplinar titulados en enxeñaría, economía, administración e dirección de empresas, filoloxía ou dereito, pero sobre todo contando coas achegas dos profesionais en activo de sector que sempre teñen moito que aportar e moitos debates para crear”, apunta Torres.
O curso botará a andar no mes de febreiro e as clases, que serán impartidas por profesores da Universidade pero tamén por expertos deste campo, desenvolveranse os venres pola tarde e os sábados pola mañá ata finais do mes de maio. O prazo de inscrición, a través deBubela, está aberto ata o día 3 de febreiro e os seleccionados poderán matricularse entre os días 4 e 11 dese mes, para comezar a docencia ao día seguinte. O prezo do curso é de 400 euros pero os interesados poden beneficiarse de cinco bolsas de 100 euros cada unha sempre que sexan estudantes da Universidade de Vigo.