DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentáronse 20 proxectos de ámbitos como TIC, saúde ou alimentación

LPRO Days saca a relucir as ideas máis innovadoras do alumnado da EE de Telecomunicación

Gradiant e a empresa Cardiovascular Gallega entregaron premios ás mellores propostas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/04/2017

Un sistema de detección e láser contra a avespa velutina, un de alerta ao condutor, outro para contar persoas en manifestacións, un para traducir lingua de signos empregando recoñecemento de vídeo, unha aplicación que funciona como asistente nutricional ou un simple, pero moi útil, afinador automático de guitarras. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación viviu este venres unha das xornadas máis importantes do curso coa celebración de LPRO Days, un día co que dar a coñecer os traballos feitos polo alumnado de último curso no marco da materia Laboratorio de proxectos. Con certos nervios pero moita profesionalidade, pasaron a mañá presentando a docentes, ao resto de compañeiras e compañeiros e aos representantes do sector empresarial que acoden á xornada (Imatia, R, Telefónica, Everis...) en que consisten os seus produtos, as súas principais utilidades e a innovación que supoñen con respecto ao que existe na actualidade no mercado.

En total presentáronse 20 proxectos realizados por 106 alumnas e alumnos e titorizados por 19 docentes. “Son proxectos que destacan pola súa autenticidade e conexión con problemas reais e próximos”, explica Manuel Caeiro, o profesor encargado de coordinar esta materia, que explica que a maioría dos proxectos xorden da propia iniciativa do alumnado en base aos seus intereses e inquedanzas persoais ou aos que ven nas súas familias e contorna. “Neste senso non se reproducen proxectos definidos de forma xeral, senón que se abordan problemas específicos coas súas particularidades e cada proxecto estuda os requisitos e as condicións particulares propias dese caso, o que ao final leva a que sexan moi específicos”, explica Caeiro, que considera este aspecto como “moi positivo”, pois contribúe a unha maior motivación dos equipos, xa que perciben de xeito claro que están traballando nalgo real e que este traballo pode ter un impacto moi próximo.

Dende principio de curso o equipo de docentes márcanlle esta data coma o ‘gran día’ e, dende entón, traballan arreo na preparación dun prototipo “que se poida tocar e experimentar”, subliña Caeiro, que fai tamén fincapé en que a materia inclúe formación sobre a preparación dos pósters e as comunicacións, se ben a implicación do alumnado é tal que “sorprende ata que punto se implican na preparación de todo tipo de material promocional, incluíndo dende camisetas e autocolantes ata tarxetas e mesmo algúns agasallos”.

Saúde, alimentación e moitas solucións para problemas concretos

Instalados no corredor principal da escola, convertido hoxe nun particular escaparate tecnolóxico, cada grupo fixo valer as potencialidades do seu produto. Entre a oferta o visitante puido atopar unha gran variedade de temáticas, sobre todo, en cuestións relacionadas co ámbito da saúde e a atención a persoas con necesidades especiais, pero tamén se centraron en abordar problemas concretos, como o da avespa velutina. “O noso produto, ao que bautizamos como BeeShield, busca defender a avella autóctona fronte a velutina, unha especie invasora proveniente do continente asiático cuxa presenza en Galicia aumentou de xeito alarmante nos últimos anos e, o que aínda é peor, que o máis probable é que siga a aumentar”, explicou un dos membros do grupo. Ao seu carón, un compañeiro indica que o prototipo que deseñaron consiste nun conxunto de dispositivos que detectan a avespa, localizan a súa posición e elimínana. “Empregamos un láser de alta potencia que se orienta automaticamente cara a avespa e actívase para queimala”, explica outro compañeiro.

Dirixido a mellorar a aprendizaxe da lectoescritura en persoas con síndrome de Down, outro grupo de alumnas e alumnos creou LearnForDown, unha app para tabletas pensada especificamente para este colectivo. “É un sistema formado por tres partes. Por unha banda, ten un sistema hardware que permite xogar coa aplicación, logo está a aplicación en sí e logo temos unha parte que é a web na que os mestres e mestras poden ir vendo os avances do cativo, os erros máis frecuentes, o tempo que empregan, etc”, relatou , unha das alumnas do grupo, ao tempo que explicou que a idea xurdiulles porque “eu colaboro cunha asociación de Síndrome de Down da Coruña e eles comentáronme que non tiñan ningunha aplicación axeitada para aprenderlles a estes nenos a ler e escribir”.

Entrega de premios

Aínda que para todos o maior premio é sentirse orgullosos do traballo feito, LPRODays incluíu tamén unha entrega de premios que correu a cargo do Centro das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e a empresa Cardiovascular Gallega. O primeiro premio Gradiant foi para SimulPulse, un pulso simulador para o adestramento na medición da frecuencia cardíaca dirixido á detección de patoloxías; o segundo para Securroad, un sistema de alerta ao condutor baseado na lectura de sinais da estrada, e o terceiro para BeeShield.
No caso de Cardiovascular Gallega outorgaron o primeiro premio a HearnMySign, un tradutor bidireccional castelán-lingua de signos empregando o recoñecemento de vídeo.