DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun concerto para celebrar os seus 25 anos

Luar na Lubre acende as luces do Nadal universitario

Estiveron acompañados sobre o escenario de Pedro Guerra, Mägo de Oz, Sés, Maite Dono e Moxenas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 17/12/2012

Como cada ano a Universidade de Vigo dá a benvida ao Nadal ao son da música, un concerto xa tradicional no que a institución abre as súas portas á sociedade viguesa, desta volta, ao son de Luar na Lubre. No Centro Cultural Novacaixagalicia non había nin un oco baleiro para celebrar os 25 anos do grupo galego sobre os escenario e dar o 'pistoletazo de saída' oficial ás festas navideñas para a comunidade universitaria.

Para conmemorar o comezo na Coruña en 1986 do proxecto Luar na Lubre, o grupo publicou un triplo Cd e DVD baixo o título Sons da lubre nas noites de luar no que se repasa este cuarto de século no que se converteron nunha banda senlleira da música tradicional galega. Pero o ano 2012 foi tamén o da publicación de Mar Maior, o disco arredor do cal xirou un concerto que, segundo Bieito Romero, repasou tanto a lírica medieval galaico-portuguesa como a música tradicional e o Leabhar Ghabhala ou Libro das Invasións, achegando ao público á estreita relación entre Galicia e Irlanda. Así, e durante un extenso concerto no que estiveron acompañados por voces como as do canario Pedro Guerra; o membro do grupo Mägo de Oz, Carlos Prieto 'Moha'; a cantautora coruñesa Sés; a poetisa, actriz e cantante Maite Dono; e a banda de gaitas Moxenas soaron tanto as Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, como A Saia da Corolina, Chove en Santiago, Mi Gitana ou pezas da lírica catalá medieval e adaptacións musicais do libro de cabeceira da construción irlandesa. A pedra, a emigración, a mitoloxía, a cultura mariñeira... todo para darlle a benvida ás festas na Universidade.

A ampla representación da comunidade universitaria que asistiu ao evento, encabezada polo reitor, Salustiano Mato e boa parte do equipo de goberno, riu, lembrou e aprendeu da man do grupo e de Bieito Romero, que acompañou a actuación de comentarios, lembranzas, historias e chiscadelas que fixeron posible un concerto animado, intenso e variado.

Unha triloxía que compila o camiño

Neste 2012 Luar na Lubre publicou tamén, ademais do Mar Maior, xa con Paula Rey como vocalista do grupo, en substitución de Sara Vidal, a triloxía Sons da lubre nas noites de luar. Con estes dous discos, a banda coruñesa consolídase como nunha referencia do folk galego e español, e seguen a reinventarse, a avanzar e innovar na tradición. Este disco triplo é un conxunto de tres obras artísticas que forman unha unidade en base a algún elemento do seu contido, tres CD´s de duetos, temas instrumentais e baladas e un DVD dun concerto en directo, gravado en directo na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o 31 de xullo de 2012. En total 45 cancións a modo de selección do máis significativo da súa carreira. Pero como obra completa, este proxecto redondéase con sete videoclips, fotografías do grupo desde os seus comezos, backstages, artigos de prensa e outros episodios que engarzan a súa traxectoria musical, que contan a súa historia, o camiño percorrido e as decisión que levaron a Luar na Lubre a ser o que son tras 25 anos.

Trasnos, Fadas e Encantos son os títulos dos tres discos que se inclúen na caixa e neles Luar la Lubre ofrece dúos con algúns dos artistas máis representativos do panorama español como Ismael Serrano, Luz Casal ou Diana Navarro. Esta aposta polos duetos foi a que deu pé ao formato escollido para o concerto en Vigo, maridando voces e estilos, tempos e épocas e sentimento e viaxes mentais.