DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará cun amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos

Ludaria converterá Ourense no epicentro europeo dos xogos tradicionais

A cita será do 20 ao 23 de xuño e entre os seus escenarios estará o campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 24/05/2013
Do 20 ao 23 de xuño Ourense converterase no epicentro europeo dos xogos tradicionais. Será coa celebración de Ludaria, un programa de actividades relacionadas con eido máis lúdico da cultura popular que se desenvolverá co gallo da celebración na cidade das Burgas da asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais. Nesta cita, o campus de Ourense terá un papel protagonista acollendo varias das súas accións, principalmente un encontro escolar de centros con especial sensibilidade con este tema.

A cita foi presentada este venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel por Anxo Lourenzo, secretario xeral de Cultura; Ana Garrido, concelleira de Educación e Cultura de Ourense; Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense; Francisco Magide, alcalde de Parada de Sil; Alberto Casal, presidente de Brinquedia, a rede galega do xogo tradicional, e Lois Pardo, presidente da comisión organizadora. Todos eles coincidiron en destacar o valor destes xogos e en reivindicar a súa práctica na actualidade, ademais de recoñecer a relevancia desta cita no contexto cultural europeo. “Ludaria non é un evento menor, converterá a Galicia e á cidade de Ourense no epicentro dos xogos tradicionais”, destacou Anxo Lourenzo. A cita, engadiu Ana Garrido, coincidirá coa celebración das festas patronais da cidade, unha coincidencia que, comentou, axudará a potenciar de novo este tipo de manifestacións culturais.

Coloquio, encontros e moito máis

O programa de actos, explicou Lois Pardo, terá lugar entre os días 20 e 23 de xuño principalmente na cidade de Ourense, aínda que tamén se levarán a cabo algunhas accións en diversos lugares de Galicia, como Parada do Sil e Ponteceso. Ademais da propia asemblea de socios, o programa contará con demostracións, un coloquio, un encontro escolar galego e a convocatoria de dúas novas actividades con vocación de continuidade, como son unha xuntanza de modalidades galegas de bolos en Parada de Sil e unha intervención festiva sobre as gaitas de palla.

Será precisamente o campus de Ourense o espazo que acollerá a celebración do encontro escolar, que xa leva sendo convocado por Brinquedia nos últimos seis anos e que reúne a estudantes de centros de ensino que se comprometen a traballar no seu currículo o xogo de tradición cultural. A actividade, que terá lugar pola mañá, complementarase cun Festival Europeo de Xogos. “Unímonos a esta iniciativa porque o xogo tradicional potencia valores como a sociabilidade, o respecto e compartir, valores cos que nós estamos plenamente de acordo”, destacou Rodrigo Alberte Pivida na presentación. “O xogo é unha das actividades que mellor permea a toda a sociedade. Todos xogamos, desde nenos”, recalcou Alberto Casal.