DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente do Tribunal de Garantías presentou o seu informe anual ao Claustro

Luis Espada confirma que o número de expedientes na Universidade de Vigo é o máis baixo entre as institucións académicas españolas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/03/2010

De ser unha das universidades españolas que se atopaba entre as que maior número de expedientes puña en marcha o seu Tribunal de Garantías, a Universidade de Vigo, é a día de hoxe a que rexistra o numero máis baixo. Así o confirmou hoxe no seu informe anual ante o Claustro o presidente do Tribunal de Garantías, Luis Espada Recarey que detallou na súa intervención as actuacións levadas a cabo polo órgano colexiado ao longo do ano 2009, ao tempo que realizou unha serie de recomendacións coa finalidade de acadar “ a efectiva mellora da Universidade de Vigo que se consegue día a día, corrixindo aquilo que a experiencia nos indica que debe ser corrixido”, sinalou.
Na sesión na que o Claustro aprobou por asentimento os agrupamentos de centros que han de constituír as circunscricións electorais para as eleccións a Claustro Universitario do vindeiro mes de maio de 2010, Espada tamén avanzou as liñas xerais do traballo Estudo sobre a transición do alumnado da Universidade de Vigo ao traballo que dá conta dalgunhas características da actividade laboral que desempeña o alumnado da Universidade matriculado nos últimos cursos, así como das súas expectativas e posibilidades efectivas de incorporación ao mercado laboral.

A actuación do Tribunal en cifras

Tras lembrar que o Tribunal de Garantías centra as súas actuacións na instancia de parte, por unha banda e no oficio, pola outra, Espada confirmou que o pasado ano o número de consultas e intervencións foi de 82 e o de expedientes, 14, unhas cifras que contratan coas de hai unha década cando os expedientes foron 73 e as consultas e intervencións 40. “No primeiro ano de actuación do Tribunal”, apuntou Espada, “o número de expedientes superaba ao de entrevistas e consultas, proceso que se foi mitigando co tempo e así podemos dicir que en número de expedientes/número de colectivo universitario era dos máis altos entre todas as universidades españolas e actualmente é o máis baixo”.
En canto ás entrevistas que deron lugar a consultas e intervencións, das 82 totais, 69 corresponderon ao sector estudantes e 13 ao PDI. Se para o estudantado a revisión de exames supuxo case o 35% do total de consultas, seguido do horario de bibliotecas (11%), o sistema de avaliación curricular (11%) e os créditos de libre elección (8%), no caso do persoal docente e investigador (PDI) o aparcamento cun case un 31%, os comentarios ofensivos aparecidos en internet (23%) e a situación de baixa por enfermidade e a renovación do contrato de profesor asociado (15%), acapararon as porcentaxes máis elevadas de consultas.
En canto aos expedientes alumnado e PDI repártense ao 50% o total dos 14 rexistrados. Por áreas temáticas dous corresponderon a revisión de exame e outros dous a non renovación de contrato, mentres que o resto foron por non devolución de taxas deportiva, non celebración de eleccións no departamento, problemas para obter unha certificación ou forma de cualificación dun exame.

Reflexións e recomendacións

A exposición do labor desenvolvido polo Tribunal de Garantías que tamén atendeu o pasado ano as consultas de máis dunha vintena de defensores doutras universidades, finalizou cunha serie de reflexións e recomendacións nas que Luis Espada volveu poñer de manifesto a necesidade de loitar contra o absentismo estudantil ás clases lectivas . “A Universidade ten que conxugar”, afirmou Espada “un ensino que está centrado principalmente na transmisión de coñecemento con outro tipo de ensino que prime as actitudes e competencias do alumnado ao longo da súa fase educativa. Iso vai esixir unha maior atención personalizada co obxectivo de mellorar a calidade, e ao mesmo tempo, a equidade”.
Pola súa banda as recomendacións co presidente do Tribunal de Garantías centráronse na necesidade de cuantificar todo o labor do alumnado ponderándose libremente cada apartado; unha maior celeridade na entrega tanto do Suplemento Europeo dos Títulos como os títulos oficiais; a constitución rigorosa e estrita dos tribunais extraordinarios de 5ª, 6ª e 7º convocatorias, así como a súa corrección por parte dos tribunais correspondentes e a necesidade dunha preparación específica para o alumnado matriculado en titulacións de ciclo curto (o 42% do total da Universidade), incidindo no obxectivo de “ensinar a pensar, proceso que implica analizar, sintetizar e sacar conclusións”, explicou Espada.

Realidades e expectativas do alumnado en relación co mundo laboral

Algo máis dun 25% do alumnado da Universidade de Vigo traballou algunha vez durante a realización dos seus estudos, sendo a empresa privada o ámbito maioritario (59%) no que desenvolveron a súa actividade que só nun 11,7% dos casos permitiulles aplicar os coñecementos adquiridos nas aulas. Estes datos aparecen recollidos no Estudo sobre a transición do alumnado da Universidade de Vigo ao traballo do que Espada avanzou hoxe as liñas xerais e que se ven a sumar ao editado polo Consello Social centrado no grao de satisfacción do alumnado coa Universidade de Vigo.
O estudo realizado a partir dunha enquisa aplicada a 881 estudantes matriculados no último curso de titulacións propias da Universidade de Vigo, tamén revela que os estudantes presentan unha taxa de emprego actual do 19,5%, sendo, de novo a empresa privada na que de xeito maioritario (61,6%) desenvolven a súa actividade. En canto ás expectativas de inserción na vida profesional, o alumnado da Universidade de Vigo manifestou de xeito maioritario (77,4%) estar satisfeito coas súas posibilidades de inserción laboral, sendo o ámbito tecnolóxico no que maior grado de satisfacción existe e o experimental o que menos. O estudo tamén revela que as ocupacións que presentan unha proporción de aspiración por parte do estudantado son ade profesional de alto rango (20.9%), funcionario ou profesor (14,3%) e profesional con mando intermedio (11,6%).

Agrupamentos dos centros que constituirán circunscricións electorais

Na sesión celebrada este mércores os membros do Claustro aprobaron por asentimento os agrupamentos de centros que han de constituír as circunscricións electorais para as eleccións a Claustro Universitario do vindeiro máis de maio. Os agrupamentos que son os mesmos da anterior cita electoral celebrada en 2006, quedan do seguinte xeito: no campus de Ourense agrúpanse a Facultade de Historia e a de Ciencias da Educación; Facultade Ciencias e Escola Superior de Enxeñaría Técnica Informática e as facultade de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo. No campus de Pontevedra agrúpanse as Facultades de Belas Artes e de Ciencias da Educación e do Deporte, por unha banda, e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a Escola de Enxeñaría Técnica Forestal e a Escola de Fisioterapia por outra. No caso do campus de Vigo os agrupamentos aprobados son os seguintes: facultades de Filoloxía, Tradución e Interpretación, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo; facultades de Química, Bioloxía e Ciencias do Mar; escolas técnicas superiores de Enxeñaría Industrial, Minas e Telecomunicación e escolas de Enxeñaría Técnica Industrial e de Estudos Empresariais.