DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da Universidade de Vigo considérao "un dos fitos máis importantes da miña carreira"

Luis Liz-Marzán, Premio DuPont 2010 da Ciencia polas súas achegas no campo das nanopartículas metálicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/11/2010
“Polas súas achegas científicas no campo das nanopartículas metálicas e máis concretamente no estudo das propiedades ópticas (plasmónica) destes nanomateriais e no desenvolvemento das súas aplicacións como catalizadores, sensores químicos ou biológicos, ou como sistemas de almacenamento de información por métodos ópticos”. Nestes termos explica o xurado do Premio DuPont 2010 da Ciencia a súa decisión de conceder por unanimidade o galardón na súa vixésima edición ao catedrático do departamento de Física e Química da Universidade de Vigo e doutor en Ciencias Químicas, Luis Liz-Marzán.

O xurado do premio, presidido polo profesor Santiago Grisolía e que conta cunha dotación con 30.000 euros, valorou ademais o elevado impacto científico acadado por Liz-Marzán nas áreas de Quimica e Ciencia dos Materiais e a súa capacidade por crear e liderar na Universidade de Vigo un grupo de impacto internacional, que tanto en España como en Europa é o referente na aplicación da Química Coloidal á Nanoplasmónica. Para o presidente do xurado “o profesor Liz- Marzán é unha referencia obrigada no seu campo e un bo mentor para o seu equipo de traballo”.

“Un dos fitos máis importantes da miña carreira”

A concesión do galardón, creado en 1991 baixo o auspicio do profesor Severo Ochoa co obxecto de estimular as iniciativas que en forma de artigos ou traballos publicados constitúan unha contribución importante ao avance da ciencia e das súas aplicacións, supón para o catedrático da Universidade de Vigo “un dos fitos máis importantes da miña carreira”. Liz-Marzán agradeceu a DuPont o seu interese en seguir apoioando á ciencia en España e Portugal e tamén trasladou a súa gratitude “á miña familia e ao meu grupo de investigación por todo o que me achegaron na miña carreira e as achegas científicas que foron a base deste recoñecemento”.

O catedrático do departamento de Física e Química fixo tamén referencia a anteriores galardonados, entre os que se atopan Andrés Maldonado, Avelino Corma, Pedro de Miguel Etxenike, María Carmo Fonseca, Antonio Hernando ou Rosa María Menéndez, afirmado que “desde a creación do Premio DuPont, mirei como se concedía a grandes científicos que me merecen un enorme respeto e a quen sempre quixen parecerme. Agora verme incluído no grupo de premiados supón sen dúbida un dos fitos máis importantes da miña carreira”.

Unha referencia obrigada no seu campo

Mentres o presidente do xurado Santiago Grisolía destacou a solidez da traxectoria científica de Liz-Marzán tanto en España como no ámbito internacional, o presidente de DuPont España e Portugal, Enrique Marcián, asegurou que o traballo do catedrático da Universidade de Vigo pon de manifesto a relevancia dos investigadores da península no campo da enerxía. “O desafío actual das empresas e da sociedade”, asegurou Marcián, “consiste en atopar fontes de enerxía seguras, medioambientalmente sostibles e deseñar as tecnoloxías que permitan optimizar o seu aproveitamento”.
A entrega do galardón terá lugar a comezos do ano 2011 en Oviedo.