DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dotado con 24.000 euros recoñece a súa labor no ámbito das nanopartículas metálicas plasmónicas

Luís Liz-Marzán recibe o Premio de Investigación Burdinola polo seu traballo á fronte do grupo de Química Coloidal

Nun acto celebrado no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e M.Del Río DUVI 25/11/2011

Con bágoas a piques de asomar nos ollos e a voz medio quebrada pola emoción, agradeceu Luís Liz-Marzán de xeito moi especial a súa familia “o apoio que me prestastes estes anos e a vosa paciencia coa miña dedicación ao traballo e todas as viaxes”. A súa muller e fillos foron unha parte dos destinatarios dos agradecementos que o catedrático de Química Física da Universidade de Vigo realizou tras recibir hoxe de mans do director xeral, Xavier Koskorrotza, o XVI Premio de Investigación Burdinola que recoñece o traballo sobre nanopartículas metálicas plasmónicas e a súa aplicación na diagnose e na aparición de novas liñas terapéuticas para distintas enfermidades que desenvolve o grupo de Química Coloidal que dirixe Liz.

Dotado con 24.000 euros o galardón centrouse nesta edición na biomedicina en relación ás aplicacións da nanotecnoloxía na diagnose e na terapia clínica, e o xurado escolleu de entre 23 candidaturas presentadas a liderada por Liz-Marzán polo seu traballo con partículas de ouro e prata, cunhas interesantes propiedades ópticas en tamaños reducidos, e polos resultados obtidos, que ofrecen novas posibilidades para o almacenamento de información ou para aplicacións relacionadas co medio ambiente.

O director xeral de Burdinola, Xabier Koskorrotza, referiuse ao traballo desenvolvido polo grupo de Química Coloidal como “un referente internacional” no campo das nanopartículas metálicas plasmónica, mentres que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato que acabou fundido nun abrazo con Liz, asegurou alegrarse especialmente do premio “por que ademais de un gran investigador es unha gran persoa”. Na entrega de premios celebrada no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, eloxiou a valentía de Liz Marzán á hora de poñer novos proxectos en marcha, mentres que a decana da Facultade de Química, Soledad García, destacou que “Liz constitúe un referente nacional pola súa capacidade para crear e liderar na Universidade de Vigo un grupo de impacto internacional”.

Na súa XVI edición o Premio de Investigación Burdinola contou cun xurado integrado por expertos de alto nivel científico e empresarial.Presidido polo catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade do País Vasco, Félix Goñi, o xurado estivo composto ademais polo director da Fundación Universidad-Empresa Euskoiker, Juan Andrés Legarreta; o director xeral de Burdinola, Txabi Koskorrotza; e polos doutores José López, José María de Teresa, Juan Carmelo Gómez, Joan Guinovart e Pablo Escribá.

Un grupo que comezou de cero para acadar recoñecemento internacional

Luís Liz-Marzán comezou a súa intervención rememorando os seus inicios profesionais na Universidade de Santiago de Compostela onde se graduou e posteriormente doutorouse cunha tese dirixida por Arturo López Quintela. Finalizada unha estancia postdoutoral na Universidade de Utrecht, incorporouse como profesor axudante á Universidade de Vigo, onde desde o ano 2006 é catedrático de Química Física. “Empecei de cero un grupo de investigación nunha etapa moi difícil na que non había moitos recursos”, lembrou. Tras agradecer o traballo desenvolvido por todos os membros do grupo de Química Coloidal e as influencias de Nick Kotov da Universidade de Michigan; de Paul Mulvaney da Universidade de Melbourne e de Michael Giersig , “cos que empecei o estudo dos coloides plamónicos”, Liz-Marzán deu un xiro ao seu discurso para centrarse na definición e aplicacións da química coloidal e a nanotecnoloxía.

“O noso traballo relaciónase coa nanoplasmónica coloidal, é dicir fabricamos con métodos químicos nanopartículas que teñen xeometrías variadas que provocan cambios na resposta óptica do material e que se poden aplicar para moitas propiedades que se derivan da nanoplasmónica”, explicou o catedrático. Entre as aplicacións máis concretas están a detección de prións que son moléculas características de enfermidades neurodexenerativas como o alzhemeir ou o mal das vacas tolas ou mesmo a detección de consumo de cocaína de xeito que en lugar de detectar directamente a molécula da cocaína, estúdase en que se converte a cocaína cando se metaboliza no corpo para entón buscar a detección dunha desas moléculas resultantes del metabolismo. Liz rematou a súa intervención agradecendo a concesión do premio a Burdinola, aos amigos, compañeiros, mestres, alumnos e colaboradores “dos que tanto teño aprendido” e de xeito moi especial a súa familia.

Un grupo de referencia liderado por un investigador excepcional e unha gran persoa

O director xeral de Burdinola, Xabier Koskorrotza, referise ao traballo desenvolvido polo grupo de Química Coloidal que lidera Liz-Marán como “un referente internacional” no campo das nanopartículas metálicas plasmónicas. Na súa intervención reivindicou a actividade científica “como esencial para o noso futuro” e demandou que non se reduza este ámbito a termos de “investimento e resultado senón de estratexia, posicionamento e competitividade”. Para finalizar Koskorrotza apelou ao entusiasmo e a paixón polo que se fai para avanzar e vencer as dificultades.

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, realizou un triplo agradecemento no seu discurso referíndose en primeiro lugar a Burdinola “por premiar a un investigador de excelencia da nosa Universidade”. Ademais de destacar que o premio se entregase na facultade na que Liz-Marzán desenvolve o seu traballo “ o que nos permite visualizar aos que están preto del”, o reitor tamén agradeceu a iniciativa de Burdinola que definiu como “unha voz que invita a apostar pola investigación”. E é que segundo Mato “se houbese miles de voces así, nunha situación de crise como a actual os recortes non irían cara á investigación”. O reitor que acabou fundido nun abrazo con Liz, asegurou alegrarse especialmente do premio “porque ademais dun gran investigador es unha gran persoa”, dixo.

A decana da facultade de Química, Soledad García, cualificou na glosa que realizou do premiado a súa actividade investigadora como “excepcional” e destacou que “Liz constitúe un referente nacional pola súa capacidade para crear e liderar na Universidade de Vigo un grupo de impacto internacional formado por uns trinta investigadores, maioritariamente químicos”. A decana lembrou algúns dos méritos máis relevantes logrados por Liz entre os que destacan a concesión este ano 2011 da prestixiosa Advanced Grant outorgada polo Consello Europeo de Investigación, así como a súa participación en máis de 40 proxectos de investigación e a elaboración de máis de 250 artigos en revistas, moitos deles con “espectacular impacto na comunidade científicas con máis de 10.000 citas e un índice h de 60”, destacou García.

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, eloxiou a valentía de Liz-Marzán á hora de poñer novos proxectos en marcha e manifestou a súa satisfacción porque fose un galego quen recibiu o premio. “A investigación precisa de recursos e actitude”, dixo Molares que avogou por conectar o traballo que se fai nos laboratorios coa empresas para “xerar valor engadido”.