DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras ser reelixido director en Xunta de Facultade

Luís Ortiz permanecerá outros tres anos ao fronte da EU de Enxeñaría Técnica Forestal

Unha nova titulación é a principal proposta para o vindeiro mandato

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 27/03/2008

Luís Ortiz leva na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal desde que abriu as súas portas no ano 1991 exercendo a súa labor como docente e, desde marzo do 2005, coma director, función que seguirá desempeñando por outros tres anos tras ser reelixido na Xunta de Facultade que tivo lugar hoxe. 12 votos a favor, 6 en contra e 1 en branco foi o resultado da votación que confirma a continuidade de Ortiz que contará co mesmo equipo formado por Henrique Lorenzo como subdirector primeiro, Carlos Baso como subdirector segundo e José Manuel Casas como secretario, aínda que non se descarta algún cambio máis adiante.
En quince minutos de exposición do seu programa, Ortiz convenceu aos membros da Xunta cun amplo abano de propostas entre as que destaca impulsar unha nova titulación no centro dentro do ámbito da enxeñaría dos recursos naturais- forestais, de xeito que poida impartirse con un tronco común ata o segundo curso da carreira de Enxeñería de Minas e de Enxeñeiro Técnico Agrícola e que habilite profesionalmente para a obtención do título de Enxeñeiro Forestal e do Medio Natural.

Outras propostas

No que se refire ao propio centro, Ortiz ten moitos proxectos en marcha como a participación en congresos, feiras e demais acontecementos que teñan relación coa actividade da escola. A intención, segundo Ortiz " é darlle un impulso fomentando a súa autonomía, mellorando as relacións con empresas e institucións do sector medioambiental, mudando e actualizando a súa imaxe, rehabilitando aulas que agora están infrautilizadas ou modernizando as infraestruturas". Ademais, hai que lembrar o proxecto que terá continuidade neste mandato de instalar unha planta de enerxía solar para a produción de electricidade e a creación de cursos superiores de madeiras.