DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático emérito da Universidade de Vigo amosa a súa satisfacción polo título concedido

Luis Rodríguez Ennes, doutor honoris causa pola Universidad Nacional del Comahue

O acto de investidura terá lugar en abril na cidade arxentina de General Roca

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/01/2017

“Considero que é a honra máis grande na miña vida académica. O máis prezado galardón”. Con estas palabras resume Luis Rodríguez Ennes, catedrático emérito da Universidade de Vigo, a súa satisfacción polo seu nomeamento como doutor honoris causa pola Universidad Nacional del Comahue, de Arxentina. O decano honorífico da Facultade de Dereito do campus de Ourense recibirá este título nun acto que terá lugar no mes de abril na sede da institución académica, na cidade de General Roca, na Patagonia.

A Universidad Nacional del Comahue outorgou oficialmente e por unanimidade este título honorífico a Luis Rodríguez Ennes o pasado 20 de decembro, despois de ser solicitado polo consello directivo da Facultade de Dereito e Ciencias Sociais desa universidade. A comisión que estudou e concedeu o título ao catedrático da Universidade de Vigo subliñou na súa resolución “a súa destacada participación como xurista español, os seus relevantes méritos académicos, a súa profunda dedicación ao campo da docencia e investigación xurídica”, ademais do feito de ser membro de numerosas entidades, como a Sociedade Arxentina de Profesores de Dereito Romano e a Asociación Latinoamericana de Dereito Romano, autor de gran cantidade de publicacións, participante de numerosos congresos de nivel internacional e premiado polo seu labor profesional.

Unha universidade “pública e prestixiosa”

Deste nomeamento, Luis Rodríguez Ennes destaca o feito de que se basea “en méritos exclusivamente académicos” e que procede dunha unha universidade “moi importante, pública e prestixiosa”. Fundada en 1971, a Universidad Nacional del Comahue conta con aproximadamente 26.647 estudantes e 2376 docentes, con doce facultades, dous centros dependentes, unha escola superior e dous centros rexionais en varias cidades das provincias arxentinas de Neuquén, Río Negro e Chubut. Coa Facultade de Dereito e Ciencias Sociais promotora deste recoñecemento, e outras do eido xurídico de Iberoamérica, Rodríguez Ennes mantén unha relación iniciada hai case dúas décadas, acudindo cada ano a ofrecer docencia nelas.

O vindeiro mes de abril volverá de novo a esta institución pero esta vez para recoller a maior distinción que ofrece unha universidade. Xa traballando no discurso que ofrecerá entón, o catedrático elixiu para a súa disertación o tema de Cervantes e a xustiza, tendo en conta, entre outras cuestións, a proximidade da cidade de Cervantes á sede da universidade arxentina. Con este recoñecemento, o docente culmina 46 anos de traxectoria dedicados ao ensino e á investigación, que se traduciron en máis de 200 publicacións científicas, 17 libros e outras tantas teses de doutoramento dirixidas, ademais dunha longa traxectoria como profesor visitante de máis dunha vintena de universidades europeas e americanas, entre outros méritos. Nesta traxectoria, ocupa un lugar destacado a Facultade de Dereito do campus de Ourense, da que foi promotor e o seu primeiro decano.