DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns ábrese o segundo prazo de preinscrición dos mestrados da Universidade de Vigo

A convocatoria pecharase o día 3 de setembro e a matrícula poderase confirmar entre o 15 e 18 do mes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 24/08/2012
Este luns 27 de agosto ábrese o segundo prazo de preinscrición para os mestrados universitarios, unha convocatoria que permanecerá aberta ata o vindeiro 3 de setembro. Este é o segundo prazo que se abre e adoita ser o máis importante en número de solicitudes, xa que no primeiro período non puideron concorrer aqueles alumnos con algunha materia pendente para os exames de xullo.

Tras este prazo de preinscrición, farase público a 10 de setembro un listado provisional dos admitidos, deixando paso a un período de reclamacións de dous días. O listado definitivo publicarase o día 14 para logo abrir o prazo de matrícula entre os días 15 e 18 do mesmo mes.Posteriormente, as comisións académicas de cada mestrado poden solicitar, de consideralo oportuno, un terceiro prazo de preinscrición, que abranguería do 27 de setembro ao 1 de outubro, cuxa matrícula se faría efectiva entre o 12 e o 15 de outubro.

En total, a Universidade de Vigo oferta para o curso 2012-2013 78 títulos de mestrado con matrícula aberta de novo ingreso. Deles 19 se imparten en Ourense, 11 en Pontevedra e os restantes no campus de Vigo, entre os que se inclúen programas como o de Avogacía ou o de Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas, que se imparten nos tres campus da Universidade.

De cara a este novo período de inscrición, dos 78 mestrados xa teñen pechadas as súas prazas dous deles (Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais en Ourense e Enxeñaría Térmica en Vigo) así como a especialidade de Ciencias Experimentais, itinerario en Educación Física, dentro del máster de Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas, que se imparte no campus de Pontevedra.

Outros prazos

O vindeiro 3 de setembro abrirase tamén o período de matrícula para aqueles que continúen os seus estudos de mestrado. Posteriormente tamén haberá dous prazos de modificación ou anulación de matrícula, o primeiro ata o 31 de outubro e o segundo do 4 ao 12 de febreiro de 2013.

A oferta completa de mestrados, así como o calendario, pode consultarse aquí.