DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito do traballo dun equipo liderado polo catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel

Luz verde á produción da nova lámpada led de baixo custo para alumeado público

Permite un aforro do 80% do consumo eléctrico de cada farol

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 19/06/2013

Cada noite en España acéndense arredor de dez millóns de farois de alumeado público que supoñen un custe para as administracións, e polo tanto para os cidadáns, de aproximadamente 1000 millóns de euros anuais. Nunha sociedade en crise, que busca fórmulas de maior sustentabilidade desde o punto de vista económico e ambiental, estas cifras poñen sobre o tapete a necesidade de repensar o modelo actual. Buscando solucións tecnolóxicas a esta demanda, un equipo liderado polo catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel vén de desenvolver unha lámpada led low cost que se podería instalar nos farois xa existentes e que, cunha duración de arredor de 13 anos, permitiría unha redución do consumo eléctrico do 80%. Despois de dous anos de traballo de I+D no deseño da peza e da realización con éxito da proba piloto nun pequeno concello, a lámpada led vén de pasar os test de produción e obter a acreditación necesaria para a súa comercialización. O produto xa está listo para fabricarse en serie e comercializarse.

“Acabamos de conseguir o selo estándar CE para a súa comercialización e o fabricante led Bridgelux testou con éxito a nosa lámpada en Alemaña. Só falta decidir a fórmula de negocio, onde barallamos a posibilidade de crear unha spin off de base tecnolóxica da Universidade de Vigo, e comezar a produción, que se fará nunha empresa ourensá”, explica Humberto Michinel sobre o estado do proxecto, no que tamén participaron o docente da Universidade de Vigo Ricardo Bendaña e o enxeñeiro Eduardo Balvís. “A parte tecnolóxica está feita, xa temos a lámpada. Agora é unha cuestión empresarial, é decidir que marca realizará a explotación comercial do produto”, apunta o responsable do Laboratorio de Óptica Física da Universidade.

A lámpada xa ilumina unha zona do campus de Ourense

O modelo resultante, explica, permite a súa colocación nos farois existentes, ten unha duración aproximada de 55.000 horas, ofrece as condicións lumínicas esixidas pola normativa vixente e segundo os cálculos realizados en dous anos como máximo se amortiza o seu custo co aforro eléctrico acadado, que na actualidade ascende a arredor de 100 euros ao ano por farol. “Despois deses dous anos a lámpada aínda dura dez ou once anos máis nos que todo é aforro”, comenta o físico do campus de Ourense. Tendo en conta que o consumo dos farois públicos supón arredor da metade da factura eléctrica dun concello e que a tecnoloxía led xa está nunha etapa madura, este novo deseño, indica o investigador, preséntase como unha alternativa moi atractiva e moi viable para substituir ás actuais lámpadas do alumeado existente.

Despois de probar con éxito durante un ano e medio un prototipo do produto nunha rúa do concello valenciano de Aldaya, a través da spin off da Universidade de Valencia Energesis, a nova lámpada led xa se pode ver no campus de Ourense. Nun dos farois que iluminan a zona universitaria, nunha rúa preto do edifico onde traballan os físicos ourensáns e ao lado do estanque, a nova lámpada xa está instalada e alumeando polas noites. “Calquera que camiñe pola noite polo parque do campus dáse conta perfectamente de cal é a nosa, pois é a que ofrece unha luz máis potente”, comenta Michinel.

“Estamos moi satisfeitos co deseño feito. A nosa idea foi crear unha lámpada led que cubrise unha cota do mercado o máis ampla posible cun só modelo e que fose economicamente asequible. Nós non inventamos a lámpada nin a tecnoloxía led. O noso traballo foi analizar os problemas que tiñan as lámpadas led que había no mercado, como o seu quecemento e a perda de enerxía que iso supuña, e desenvolver un modelo mellorado que non tivese eses problemas e que ademais ofrecese outras vantaxes tecnolóxicas e económicas”, apunta Michinel. As empresas de servizos enerxéticos, aquelas que asumen a xestión enerxética dun cliente, como pode ser un concello, e que teñen un beneficio económico froito da optimización dese consumo, son, apuntan os creadores desta lámpada, os principais posibles clientes deste novo produto froito da I+D+i feita na universidade e que nace a raíz do contacto co sector privado e do coñecemento das súas necesidades reais.