DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio organizado co gallo dos 100 anos da entrada da muller na universidade

Mª Victoria Carballo Calero reivindica a figura de Maruja Mallo como “transgresora e ultramoderna”

O campus acolleu tamén unha homenaxe ao director da Casa da Xuventude, Benito Losada

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 25/11/2010
“Transgresora e ultramoderna” son dous dos adxectivos que María Victoria Carballo máis emprega cando fala da artista galega Maruja Mallo. Hoxe, como primeira catedrática do campus de Ourense, María Victoria foi a encargada de debullar a obra desta artista nacida en Viveiro en 1902, facendo especial fincapé no papel decisivo que tivo a residencia de estudantes e os amigos alí feitos no desenvolvemento da súa traxectoria.

Maruja Mallo foi a protagonista hoxe da conmemoración dos 100 anos da entrada da muller na universidade, trala aprobación en 1910 da lei que así o permitía. Para falar dela ninguén mellor que “outra muller pioneira, a catedrática en Historia da Arte María Victoria Carballo”, segundo salientou a vicerreitora do campus, María Lameiras.

A relatora comezou a súa conferencia recoñecendo a súa paixón por Maruja Mallo e como no seu momento non puido realizar a tese doutoral sobre ela porque entón era considerada unha figura moi controvertida polo seu carácter provocador. Sobre a figura da artista galega, María Victoria explica que “quixo renovar a plástica, porque entendía que a unha nova sociedade correspondíalle unha nova arte”. Eran finais dos anos vinte e nesa nova sociedade a muller estaba loitando por ocupar un papel diferente e máis relevante que o ocupado ata o momento. Isto, sinala María Victoria, tradúcese na obra de Maruja Mallo en que pinta “unha muller nova, forte fisicamente, liberada de restricións e que ocupa o espazo público, saíndo do estreito e opresivo fogar”. O seu cadro A muller da cabra, pintado nunha viaxe a Tenerife, marca o inicio desta etapa da artista.

Na configuración da personalidade transgresora de Maruja Mallo e na evolución da súa traxectoria, a catedrática de Historia da Artes apunta á importancia da Residencia de Estudantes de Madrid. A través de Dalí, Maruja coñece a Lorca, que vive nesta residencia e que dará pé a formar un grupo de artistas e escritores que conformarán a chamada Xeración do 27 ou da Idade de Prata. Con eles irá evolucionando como artista e configurando “un arte novo a medida que xurdía un novo home”.

Con esta conferencia, un triangular de baloncesto entre os equipos femininos Campus de Ourense, Carmelitas e Pavillón de Ourense e unha mesa redonda sobre muller e cine -coa vicerreitora do campus de Ourense; Manane Rodríguez, directora e produtora; Uxía Blanco, actriz; Anna Amorós, profesora de Cine da Universidade, e Chelo Loureiro, delegada de CIMA de Galicia- culminan os actos de conmemoración da aprobación en 1910 da lei que permitía á muller estudar na universidade.

Homenaxe a Benito Losada

O campus de Ourense tamén acolleu esta mañá unha homenaxe a Benito Losada, director da Casa da Xuventude de Ourense durante 35 anos. “Para min foi un pracer dirixir este centro tantos anos. Foi sinxelo porque tiñamos as tres cousas fundamentais: un bo edificio, persoal suficiente e preparado e presuposto”, comentoulles aos alumnos e alumnas de Ciencias da Educación que organizaron este acto.

Losada agradeceu especialmente esta homenaxe no seu último día activo e comentou con humor a coincidencia de que “hoxe teño que pasar por Correos a recoller o certificado da Seguridade Social no que paso a estar na clase pasiva”.

Sobre os 35 anos ao fronte da Cada da Xuventude, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, destaca que a súa traxectoria converten a Benito “nun exemplo a seguir, nun referente para as xeracións máis novas que poden transformar a sociedade”.