DUVI

Diario da Universidade de Vigo

4232 alumnas e alumnos examínanse nas aulas da Universidade de Vigo

Machado e Juan Ramón Jiménez rompen o xeo da selectividade 2011

En Historia o alumnado recibiu con satisfacción a opción que se centraba na República

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 08/06/2011
Elixir entre a poesía de Machado e a de Juan Ramón Jiménez ou a narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX foi a primeira decisión a que tiveron que enfrontarse os 4232 alumnas e alumnos que este mércores iniciaron os exames de selectividade nalgún dos centros da Universidade de Vigo. Foi a maneira de romper o xeo e deixar atrás parte da tensión acumulada nas últimas semanas. Pasado o primeiro exame, Lingua Castelá e Literatura, as caras do alumnado que hoxe se examinaba eran xa de alivio e denotaban que os nervios, que a primeira hora estaban a flor de pel, pasaran xa, na maior parte dos casos a un segundo plano.

No campus de Vigo examináronse 2026 mozos repartidos entre as Facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Económicas e Empresariais, Bioloxía e a Escola de Enxeñaría Industrial. Tras o primeiro exame, que se iniciou ás 10.00 horas, tocaron 45 minutos de descanso nos que moitos aproveitaron para “respirar un pouco e desconectar”, “darlle voltas ao respondido no primeiro exame” ou “un último repaso aos apuntamentos de historia ou filosofía, dependendo da opción elixida”.

En Ourense, onde están a facer as probas 1217 estudantes, o alumnado dividiuse entre as facultades de Dereito, Empresariais e Turismo e Historia, ás que hai que engadir o IES Cosme López Rodríguez de A Rúa. Mentres, en Pontevedra, con 988 matriculados, o alumnado dividiuse entre Ciencias Sociais e da Comunicación e Enxeñaría Forestal.

Caras de satisfacción pasado o primeiro exame

En xeral as caras neste primeiro descanso eran de satisfacción e nos diferentes grupos que se formaron ás portas das aulas a sensación era que a maioría se decantaran pola 'Opción A' na que se propuña un texto de José María Carrascal, do diario ABC sobre a polémica de Internet e os dereitos de autor, ademais dunha parte teórica sobre a poesía de Machado, Juan Ramón Jiménez e a posibilidade de escoller entre o xénero fantástico El Aleph ou explicar os tipos de estrutura e técnicas narrativas da novela hispanoamericana. “Era moito máis doada que a Opción B, ou cando menos a min parecíamo”, explicou Sheila Da Silva, que fixo os exames na Facultade de Filoxía e Tradución, “da que me gustaría ser alumna o curso que ven”, xa que admitiu que “se nada falla” se vai matricular no grao en Tradución e Interpretación, “na especialidade de francés, que é a lingua que a min me gusta e na que a nota de corte non é tan alta coma no inglés”. A mesma opción elixiu a súa compañeira Lorena, á que lle gustaría estudar Educación Social en Santiago, quen explicou que a 'Opción B' consistía nun artigo de Javier Marías publicado no diario El País sobre a situación da muller no mundo da literatura e as letras españolas, unha parte teórica sobre a narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX e a posibilidade de elixir entre os trazos formais de A voz a ti debida ou os temas do poemario lido durante o curso.

A República, opción “favorita” en Historia

E se o primeiro exame foi “doado”, as caras non cambiaron cando ás 12.15 abriron os sobres co exame de Historia e viron que a opción A era “a república, o tema que mellor tiñamos preparado”, comentaba ao saír Bárbara Álvarez, quen admitía ao saír, que era “o exame máis temido”. Alumna “de ciencias”, ten claro que o vindeiro curso se vai matricular en Bioloxía, “aínda que me custou bastante decidirme entre esta titulación e a de Farmacia en Santiago”.

Xunto ao alumnado, protagonistas da xornada, foron tamén moitos os docentes de bacharelato que hoxe se achegaron ao campus acompañando aos seus alumnos. Para algúns esta experiencia é ‘xa un clásico”, caso de Mª José Cuadrado, mestra de Lingua Castelá do IES San Tomé Freixeiro, que subliñou que canto máis tempo pasa máis se convence de que “tanto o anterior modelo de acceso á universidade como o actual son nefastos”, desde o seu punto de vista, “con este sistema non se demostra nada, para min sería máis propio que se tomase como referencia a nota media do expediente de cada alumno e que logo, cada Universidade, caso de consideralo necesario establecese os seus propios filtros”. Pola contra, para Nacho Alonso, profesor de Matemáticas no IES Pedra da Auga de Ponteareas, “esta é a primeira vez que acompaño aos alumnos a estas probas” e admite que tivo que pórse ao día co novo modelo de probas. Lembrando a súa propia experiencia en selectividade, subliña que “o importante é controlar os nervios e, unha vez feito o primeiro exame, o peor xa pasou”.

Calendario

As probas continuarán ata este venres e logo tocará esperar ata as 20.00 horas do día 17 cando se publicarán as cualificacións provisionais na páxina web da CIUG.