DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e a entidade provincial asinaron este martes un convenio para dixitalizar as súas act

O macroestudo do poder local en Ourense no século XX comeza no arquivo da Deputación

A investigación da Área de Historia Contemporánea prolongarase durante arredor de cinco anos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/07/2013

Estudar a evolución do poder local en Ourense no século XX e logo, partindo desa base, ampliar a investigación ao conxunto de Galicia. Este é o ambicioso obxectivo que se marca o novo e pioneiro proxecto da Área de Historia Contemporánea do campus de Ourense baixo a dirección do docente Julio Prada. Este martes púxose a primeira pedra desta macroiniciativa coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense que permitirá que os investigadores teñan acceso e poidan dixitalizar os fondos documentais da institución desde o ano 1917 ata a transición á democracia. Neste período, explican os historiadores, as deputacións eran axentes principais de poder e, polo tanto, o estudo das actas dos plenos e comisións celebrados ao longo de todo un século de actividade permitirá entender mellor como ese poder se foi creando e mudando ao longo dos anos.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e José Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, foron as persoas encargas de asinar o convenio de colaboración no Centro Cultural Marcos Valcárcel. “Este convenio é resultado e é exemplo de como tratamos de harmonizar as capacidades existentes na Universidade coas necesidades da nosa contorna, de xeito que a relación entre ambas sexa de mutuo beneficio”, destacou Salustiano Mato durante o acto de sinatura. Segundo salientou José Manuel Baltar, este convenio, que nace "da vontade de colaboración e cooperación entre as dúas institucións", “servirá para relanzar o noso patrimonio histórico dun período tan importante para a sociedade como foi o século XX”.

14 meses de dixitalización, cinco anos de investigación

O convenio permitirá aos investigadores da Facultade de Historia participantes no proxecto dixitalizar os libros de actas das sesións do pleno e das sesións das comisións permanentes e comisións de goberno da Deputación, abranguendo aproximadamente o período que vai desde a crise da Restauración no ano 1917 ata a transición democrática. A dixitalización dos fondos, que se realizará no arquivo da entidade provincial, prolongarase arredor de 14 meses, para continuar logo o proxecto coa ordenación dos arquivos dixitais, que se entregarán tamén á Deputación de Ourense para o seu uso e difusión. Finalmente comezará a fase de investigación histórica a partir da documentación recollida, fase que os investigadores estiman que se poida prolongar durante cinco anos e que dela saian varios microproxectos e diferentes teses de doutoramento.

“Non hai ningún proxecto estatal que intentase estudar ata o de agora dun xeito global o poder local ao longo do século XX. Fixéronse estudos en períodos concretos, como a II República e outros momentos históricos, pero nunca nun período tan longo”, apuntou Julio Prada. Segundo explicou, ampliar esta franxa temporal permitirá analizar a evolución do poder local e ver as continuidades e descontinuidades no tempo. Unha vez feita a análise do caso de Ourense, subliñou, o interese inicial do proxecto é trasladar este estudo a outras provincias galegas, para abrir así a posibilidade de comparar a evolución histórica de cada caso e ter unha visión ampla do que foi o poder en Galicia durante o século XX. En todo caso, comentou, tratarase dun traballo inxente que se irá desenvolvemento paso a paso e tomando como base inicial os estudos parciais sobre poder local que xa teñen realizado os membros da Área de Historia Contemporánea, entre os que se atopa o docente Jesús de Juana.

Alén do interese investigador desta colaboración entre a Universidade e a Deputación e do proxecto en si, recalcou Julio Prada, “un aspecto moi importante deste traballo é que nos permitirá devolver á sociedade parte do que a sociedade, a través de institucións como a Deputación, inviste na nosa Universidade. A custo cero, nós teremos acceso a información que precisamos para a nosa investigación e a Deputación pasará a ter en formato dixital os fondos documentais citados”.