DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao fronte deste cargo, Susana Reboreda, ex decana da Facultade de Historia

Maior axilidade administrativa e comunicación co alumnado grazas a creación da Área de Coordinación e Estudantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 29/01/2009

O campus de Ourense avanza un paso máis no camiño de mellorar a súa relación co alumnado e axilizar os trámites administrativos coa creación da Área de Coordinación e Estudantes. A responsable deste novo servizo é Susana Reboreda, ex decana da Facultade de Historia, que afirmou estar “moi ilusionada con este proxecto, a pesar de que os primeiros momentos serán complicados porque hai que poñerse ao día”.
Para Reboreda esta área era precisa, xa que permitirá “axilizar os trámites administrativos e a descentralización de certos servizos”. Por outra banda, no seu posto relacionarase directamente coas delegacións de alumnos para coñecer “as inquietudes e desconformidades dos estudantes”, converténdose dese xeito “nun eslavón na cadea de comunicación co vicerreitor”.
Entre as tarefas que terá que desempeñar esta profesora de Historia Antiga atópase a tramitación das bolsas de estudantes, “ata o momento só estaban transferidas as dos ámbitos de deportes e cultura, agora hai que engadir as relacionadas cos servizos informáticos”, explicou Reboreda. Tampouco se esquecen neste novo servizo das bolsas que dependen dos propios centros ou departamentos, “os papeis xa non terán que facer máis viaxes innecesarios”.

Primeiras tarefas

A pesar de que aínda está poñéndose ao día, Reboreda xa se marcou algunhas tarefas na súa axenda. O traballo co se vai a estrear no posto será coa “transferencia das bolsas de informática, porque a convocatoria é inminente, xa que a maioría das que hai agora rematan en febreiro”. Tras este trámite administrativo, o seguinte paso será darse a coñecer no campus, “reunirémonos coas delegacións de alumnos e os decanos das distintas facultades para que saiban de nós e para escoitar as súas preocupacións e suxestións”.
Outro dos retos aos que se enfronta Reboreda no seu cargo é o de “aumentar a participación dos estudantes nas actividades que organice a vicerreitoría, como poden ser xornadas ou exposicións”. O seu desexo é que “o alumnado teña coñecemento de todo o que suceda no campus”.
Aínda que todo isto suporá moito esforzo e dedicación, Reboreda amósase disposta e preparada xa que grazas ao seu paso polo decanato da Facultade de Historia “teño bastante experiencia no ámbito da xestión”. Sen embargo, non oculta o seu desexo de poder compatibilizar este cargo co seu labor investigador, “estou dedicada ao mundo grego, é unha das miñas paixóns, e agardo que poida compaxinar ambas tarefas”.