DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes sénior organizaron o xoves un festival no que actuou o seu coro

Maiores e nenos celebran moi artisticamente a chegada do Nadal

O alumnado da Escola Infantil do campus fará este venres un belén vivinte

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 20/12/2013

As vacacións de Nadal están a piques de comezar e para celebrar a chegada destas festas tan sinaladas, tanto o Programa para Maiores como a Escola Infantil do campus de Ourense decidiron pórse mans á obra e organizar cadanseu evento especial nestas datas. Os estudantes sénior organizaron o xoves un pequeno festival no que actuou o seu coro e no que se celebrou un recital poético e musical. Pola súa banda, os máis cativos e cativas realizan este venres un belén vivinte e reciben a visita de nada máis e nada menos que o Apalpador, que baixará das montañas para ver se comeron ben este ano e que de seguro lles traerá algún que outro agasallo.

A semana de celebracións comezou o luns cando toda a comunidade universitaria estivo convidada a asistir ao tradicional concerto de Nadal do campus. Tras esta cita, este xoves os estudantes do Programa para Maiores das Aulas de Formación Aberta da Universidade decidiron facer eles mesmos a súa propia festa de celebración e de despedida de ano. Na aula de música do Edificio de Ferro, o coro formado por alumnado do programa actuou para os seus compañeiros interpretando varias pezas típicas destas datas, ataviados para a ocasión co tradicional gorro de Papá Noel. Ademais, outros compañeiros animáronse a facer un recital poético e musical no que puxeron todo o seu entusiasmo.

Para rematar a semana, este venres a Escola Infantil do campus prepara a súa propia celebración, sobre a que levan traballando durante toda a semana. O acto comezará coa recreación por parte dos nenos e nenas dun belén vivinte, no que os bebés farán de anxiños, os nenos de un a dous anos serán as mulas e os de dous a tres anos serán os pastorciños, que irán engalanados con traxes feitos con materiais reciclados. De seguido, as docentes da escola representarán para pequenos e pequenas e para as súas familias unha pequena obra de teatro sobre o Apalpador, o carboeiro que na tradición galega baixa nestas datas das montañas para ver se os nenos e nenas teñen o bandullo ben alimentado e para deixarlle algúnha que outra sorpresa. Como non podía ser doutro modo, o Apalpador chegará ao centro cun saco cheo de agasallos, pero agasallos moi especiais porque foron feitos en madeira polos pais e nais do alumnado da escola infantil. Para rematar, haberá unha pequena festa na que os proxenitores porán sobre a mesa o mellor das súas sobremesas caseiras.

Rueiro coral

Xa fóra do recinto universitario, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum quixo pór o seu gran de area á celebración destas festas na cidade e o xoves saíu a cantar panxoliñas polas rúas e prazas de Ourense, rescatando e revivindo así a vella tradición de cantar os Reis Magos. Desafiando ao frío e á choiva, a formación fixo cinco actuacións, para sorpresa do público, no Centro Comercial Ponte Vella, nas Galerías Viacambre, na Praza de Paz Novoa, na Praza do Ferro e rematou cunha inesperada actuación na inauguración dunha exposición pictórica no Museo Municipal. Foi o colofón de ouro a un intenso primeiro cuadrimestre de actividade deste coro universitario.