DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 100 alumnos das Aulas de Maiores despiden o curso cunha xornada festiva

Ao longo do día participaron en varias actividades culturais e lúdicas no campus vigués

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 27/06/2008

Os estudantes das Aulas de Maiores dos tres campus da Universidade despediron o curso en Vigo cunha xornada chea de actividades na que participaron máis de 100 alumnos. O obxectivo da I Xuntanza Interxeracional dos Programas Universitarios para Persoas Maiores é “sentar as bases dunha dinámica de xuntarnos todos os anos, para fortalecer os vínculos entre Ourense, Vigo e Pontevedra, ademais de abrirnos na medida do posible a toda a comunidade universitaria”, segundo explicou o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela. Por outra banda, o vicerreitor comentou que o grande interese que amosan os alumnos polo programa favorece moito a organización deste tipo de iniciativas que “serven para facer novas amizades e relacións, unha das facetas máis destacadas nas Aulas para Maiores”, subliñou no seu discurso de benvida aos participantes.
Ao longo da xornada, os alumnos aproveitaron a gran variedade de actividades que a organización preparou, de xeito que durante a mañá fixeron un percorrido polas instalacións deportivas do campus, unha visita á Biblioteca Central e un pequeno roteiro natural da man de membros da Oficina de Medio Ambiente (OMA). Logo dunha comida para descansar e recuperar forzas, na tarde participaron nunha sesión cultural na Facultade de Filoloxía e Tradución, coa lectura dunha obra de teatro por parte dos compañeiros de primeiro curso das Aulas Abertas e o espectáculo poético-musical Fóra do sagrado, coa participación do escritor e profesor Anxo Angueira, xunto con Leo de Matamá e Aser Álvarez. Para rematar a xuntanza, o Trío Stradivarius deleitou aos asistentes cun repertorio de obras de Mozart, Leslie Shirley, Astor Piazzolla e Eduardo di Capua.

“O ano que vén, repetimos”

Na xuntanza, que comezou as 10.30 da mañá no Teatro Vidal Bolaño, todos os asistentes amosaron a súa satisfacción co programa e a súa intención de repetir o vindeiro curso xa que “é unha experiencia xenial, non ten nome, o compañeirismo é incrible”, destacou unha das delegadas do primeiro curso do campus de Vigo, Emilia Fuentes.
Algúns deles comentan que comezaron nas Aulas de Maiores porque tiñan moito tempo libre, como un dos alumnos do campus de Ourense, José Luís Cambeses, que explicou que “coa xubilación decidín participar no programa porque é un bo xeito de lembrar coñecementos e de pasar un bo rato”. “Empecei este ano e a experiencia é moi positiva, metinme porque tiña moito tempo libre e agora xa temos un grupo de amigos”, engadiu a súa compañeira, Luisa Rodríguez.
Outros decidiron apuntarse pola boa vivencia transmitida por amigos ou familiares que xa están dentro, como o caso de Mª Dolores Montina, estudante do campus vigués que explica que “este é o meu primeiro curso, pero se o chego a saber antes xa estivera matriculada desde que se crearon as aulas”.
Respecto ao traballo realizado ao longo do ano, todos coinciden en que os profesores facilitan moito o seu labor e as materias “unhas mellor que outras, pero en xeral, moi ben”, comentou Dolores Montina, aínda que o que é seguro e que “o ano que vén repetimos”, engadiu a alumna.