DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do XVII Simposio Internacional de Palinoloxía que se celebrará do 7 ao 10 de xullo

Máis de 100 palinólogos debaterán no campus sobre os avances e os retos do estudo do pole

A vicerreitora María Victoria Jato, presidenta do Comité Organizador, subliña a aplicabilidade desta

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 02/07/2010

A Palinoloxía é a ciencia que se ocupa do coñecemento do pole e as esporas producidos por plantas e fungos. Esta rama do saber garda unha estreita relación con diversos ámbitos da ciencia como a agricultura, o medio ambiente e a medicina polo que posúe tamén unha gran utilidade para a sociedade. Máis de 100 expertos procedentes de 10 países reuniranse no campus durante os días 7 a 10 de xullo co gallo da celebración do XVII Simposio Internacional de Palinoloxía, unha actividade organizada pola Asociación de Palinólogos de Lingua Española que este ano se desenvolve en Ourense da man dos profesores e profesoras da área de Botánica da Universidade de Vigo. María Victoria Jato, catedrática da área de Botánica e actual vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, é a presidenta do comité organizador do simposio, un grupo de traballo integrado tamén por María del Carmen Seijo, Javier Rodríguez e Isabel Iglesias entre outros membros.

A profesora Jato explica que o principal obxectivo da actividade “é intercambiar ideas entre os científicos que estudan esta disciplina e discutir sobre os novos avances alcanzados”, ao tempo que subliña a vontade do comité organizador de orientar a iniciativa cara un estudo da Palinoloxía non como ciencia básica senón como unha rama do coñecemento que posúe moitas e variadas aplicacións na sociedade.

Agricultura, Medicina e Medio Ambiente, a estudo

Esta filosofía é a que marca a organización das sesións do congreso, que abordará a Palinoloxía básica pero que afondará tamén e fundamentalmente nas relacións desta ciencia coa Agricultura, a Medicina e o Medio Ambiente. O simposio comezará o día 7 de xullo cun relatorio inaugural impartido por Lynn Margulis, profesora no Departamento de Xeociencias na Universidade de Massachusetts e doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo, que falará sobre A evolución da vida sobre o planeta Terra antes das plantas: eucariosis e simbioxéneses. Segundo María Victoria Jato as razóns que levaron ao comité organizador a considerar a esta científica como a máis adecuada para impartir a conferencia inaugural do simposio “son a súa extraordinaria achega ao avance do coñecemento mediante a elaboración de teorías que contribuíron a cambiar a visión preestablecida sobre a orixe das células eucarióticas e as súas especiais dotes como divulgadora da investigación científica”, asegura.

Outros investigadores e investigadoras que amosarán os resultados dos seus estudos no simposio son María Asunción Suárez, profesora de Botánica da Universidade de Barcelona, que falará sobre O papel dos alérxenos do pole durante o seu desenvolvemento e xerminación e Eugenio Domínguez, catedrático de Botánica da Universidade de Córdoba, que afondará na Aplicación dos principios de ética ambiental aos estudos de aeropalinoloxía. O simposio tamén contará coas achegas do investigador Stephen Blackmore, autor de estudos de relevancia na área da Palinoloxía con especial atención ao estudo da ultraestrutura e ontoxenia do polen e de Michael O´Connel, que arrastra ás súas costas máis de 30 anos de experiencia en investigación de paleoambientes en Irlanda e outros países europeos e China.

Dende as colleitas ata o cambio climático

Aplicabilidade e utilidade para a sociedade son dúas características da Palinoloxía nas que fan especial fincapé os membros do comité organizador do simposio. No caso da agricultura utilízase para a predición de colleitas e para distinguir a procedencia xeográfica dos produtos apícolas. No campo do medio ambiente resulta de grande utilidade no estudo do cambio climático e na medicina posúe unha grande importancia para as persoas alérxicas ao pole ou ás esporas. O simposio de Palinoloxía abordará todos estes aspectos así como os avances e os retos da disciplina.