DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 1100 estudantes enfróntanse á selectividade nas aulas da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 17/09/2008

1162 estudantes comezaron esta mañá os exames de selectividade nos tres campus da Universidade de Vigo. As probas, que rematarán o venres, botaron a andar coa análise e comprensión dun texto en lingua galega e en lingua castelá pola mañá e de composición dun texto histórico ou filosófico e lingua estranxeira pola tarde. A primeira hora da mañá o exame de lingua castelá ofrecía a posibilidade de analizar un texto de Andrés Ibáñez ou ben de Eugenio Suárez, este último publicado no xornal El País. A parte relativa á literatura comprendeu dúas opcións: por unha banda, a narrativa hispanoamericana do século XX e o Romancero Gitano de Federico García Lorca e, por outra, Valle Inclán e Lorca no teatro español e A verdade sobre o caso Savolta, de Eduardo Mendoza.
No segundo exame da primeira xornada, de lingua galega, os estudantes puideron elixir entre un texto de Rosa Aneiros publicado no xornal El Progreso e un de Darío Xohán Cabana e entre a literatura galega no exilio ou a narrativa galega de posguerra.
Na xornada de mañá xoves desenvolveranse as probas, segundo as diferentes vías do bacharelato, de matemáticas, latín, física, xeografía, ciencias da terra e do medio ambiente, debuxo técnico, electrotecnia, mecánica, tecnoloxía industrial II, economía e organización de empresas, grego II, historia da música, debuxo técnico II, imaxe, fundamentos do deseño, técnicas de expresión gráfico-plástica, matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, bioloxía, historia da arte, química e debuxo artístico. Os exames rematarán o venres con bioloxía, historia da arte, química e debuxo artístico.

Exames nos tres campus

En toda Galicia estanse a examinar 2837 estudantes, dos cales 590 o fan no campus de Vigo, 259 en Ourense e 313 en Pontevedra, sumando un total de 1162 na Universidade de Vigo. Para realizar as probas habilitáronse varios centros en cada campus: ETS de Enxeñeiros Industriais, Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución e Bioloxía en Vigo; o edificio Xurídico-Empresarial e a Facultade de Historia en Ourense e Ciencias Sociais e da Comunicación e a EU de Enxeñaría Técnica Forestal no campus de Pontevedra.

Calendario de preinscrición e matrícula

Os alumnos coñecerán as cualificacións o dia 26 de setembro. Aqueles que superen a selectividade farán a preinscrición para as carreiras con limite de prazas durante o período 29 de setembro ao 1 de outubro.
Ao longo do mes de setembro e ata o 24 de outubro poderán matricularse os alumnos que teñan superado a selectividade e queiran comezar primeiro curso de estudos universitarios na carreiras da Universidade que non teñen límite de prazas.