DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Erasmus-Prácticas facilitará a incorporación dos estudantes ao mercado laboral

Máis de 130 bolsas Erasmus para os estudantes do campus o vindeiro curso

A responsable da ORI, Amelia Rodríguez, presentou a nova convocatoria

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 17/02/2009

Finlandia, Francia, Alemaña, Noruega, Italia ou Portugal. A charla informativa sobre as bolsas Erasmus celebrouse na EUET Forestal pero as mentes dos estudantes viaxaban dun país ao outro. A responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez, animou aos estudantes a solicitar as bolsas e explicou o procedemento de concesión. Pola súa banda, a técnica da Vicerreitoría de Relacións Institucionais, Alicia López, presentou as características do Erasmus-Prácticas, un programa mediante o cal o alumnado poderá realizar un período de prácticas nunha empresa ou organización doutro país.
Amelia Rodríguez sinalou “o recoñecemento académico” como a maior vantaxe do programa que evita que o tempo pasado nun país estranxeiro “se converta nun ano perdido". “Nunca o sería de todas formas”, apuntou, “pola experiencia que se vive”. A responsable da ORI recoñeceu “a mala fama de axuda pequena” que as bolsas teñen e afirmou que é así “porque foron creadas coa idea de ser una axuda complementaria”. A filosofía responde á idea de que se un estudante pode manterse no seu país de orixe tamén o faga no de destino. Ademais, animou aos alumnos a participar xa que “é o momento de facelo porque se ao rematar a carreira vos poñedes a traballar, posiblemente, xa non teredes oportunidade”.
Os estudantes interesados teñen de prazo ata o día 24 de febreiro para presentar as dúas copias do formulario no rexistro do campus e, no caso de Belas Artes, incluír tamén o proxecto. O 3 de marzo realizaranse as probas de coñecemento de idioma. A valoración do proxecto, do expediente académico e do coñecemento do idioma do país de destino serán os criterios que decidan a adxudicación das prazas que realizará cada centro. En total, para as titulacións do campus de Pontevedra, ofértanse máis de 130 prazas que se reparten entre as 56 de Ciencias Sociais, 35 de Belas Artes, 5 de Fisioterapia, 15 de Forestais e 22 para as titulacións de Ciencias da Educación e do Deporte.

Unha rede de axudas

Institucións como a propia Universidade de Vigo, a Xunta ou o Ministerio achegan diferentes partidas orzamentarias e bolsas como axudas económicas para os estudantes desprazados. Deste xeito, o alumnado do programa recibirá uns 160 euros ao mes procedentes dos fondos da UE para o Erasmus ademais dunha axuda única da Universidade que, segundo o país de destino oscila entre os 77 e 400 euros. Ademais o Ministerio de Ciencia e Innovación concede unha bolsa de 190 euros para todos os Erasmus, sen necesidade de solicitude, e aqueles alumnos que este año sexan beneficiarios da bolsa de educación do Ministerio de Educación Política Social e Deporte disporán dunha axuda adicional de 420 euros. No caso das axudas procedentes da Xunta, si deben ser expresamente solicitadas e a súa contía depende da valoración do expediente académico ou nivel de renda, entre outros baremos.
A responsable da ORI tamén abriu a porta a que se establezan novas relacións con outros centros universitarios de Europa para “abrir novos convenios e ampliar o número de prazas”. De feito, Amelia Rodríguez animou aos alumnos a que solicitasen aos seus profesores a apertura de novas vías que resulten de interese para a súa formación.

O novo programa Erasmus-Prácticas

Precisamente a estadía nun país europeo cunha bolsa Erasmus é unha boa oportunidade para ir facendo contactos e aproveitar o novo Erasmus-Prácticas que presentou a técnica da Vicerreitoría de Relacións Institucionais, Alicia López. Este programa ofrece a posibilidade de realizar prácticas profesionais nunha empresa ou organización noutro país europeo. A convocatoria para este ano, que se abrirá nos próximos días, oferta nove prazas para aqueles alumnos matriculados na Universidade que teñan superado máis do 60 por cento dos créditos da súa titulación e non tivesen bolsas como as Leonardo Da Vinci, Faro ou Argo. “O punto máis complicado”, apuntou López, “é que o estudante debe realizar a busca da empresa pola súa conta”. Contactos persoais en España ou adquiridos durante a estadía como estudante Erasmus, de profesores ou webs de prácticas como iagora.com valerán como ferramentas para establecer relacións cunha empresa que acepte as prácticas dos interesados. Segundo Alicia López “na próxima convocatoria haberá máis prazas” e, posiblemente, algunhas inclúan xa o vínculo coa empresa.
A contía das bolsas depende do país no que se realicen as prácticas e varían entre os 628 ou 440 euros do primeiro mes e entre os 420 ou 356 das sucesivas mensualidades. A Universidade está tamén realizando os trámites para o recoñecemento académico destas prácticas como créditos de libre elección ou suplemento ao título europeo. Para esta convocatoria, a Vicerreitoría decidiu repartir as nove prazas ofertadas entre os distintos ámbitos de coñecemento.