DUVI

Diario da Universidade de Vigo

115 estudantes participaron nun flashmob sorpresa en CC da Educación e do Deporte

Máis de 1400 reproducións nun só día

Os protagonistas sorpréndense da acollida do vídeo en Youtube

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/04/2013

Leva pouco máis dun día colgado en Youtube e xa se viu máis de 1400 veces. O alumnado do 2º curso do Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte está encantado coa boa acollida que está a ter en Youtube un flashmob sorpresa que gravaron na facultade xusto antes das vacacións de Semana Santa. Colgárono esta semana e, en pouco máis dun día, reproduciuse xa máis de 1400 veces.

Guiados pola profesora Tamara Rial, con moitas gañas de divertirse e pouco sentido do ridículo, os 115 alumnos e alumnas da materia de Expresión Corporal e Danza non atoparon mellor práctica sobre Danzas popularizadas ca realización deste flashmob “un tipo de actividade que agora está moi de moda e que nos parece moi axeitada para introducir nas prácticas desta materia”, subliña a docente, ao tempo que fai fincapé en que este tipo de prácticas son “excelentes” para que o alumnado aprenda a desinhibirse diante do público, pois “aínda que saben que van bailar, non saben con certeza para quen nin canta xente os vai ver”.

Durante 15 minutos a facultade encheuse para a sorpresa de todos os presentes de música e diversión. “Foi unha experiencia moi boa”, sinala Rial, que explica que os flashmob están adquirindo moita popularidade e, aplicados ao traballo didáctico co alumnado, resultan moi enriquecedores. Para o ano tentarán repetir a experiencia “se ben introduciremos algún cambio de contidos, ou de escenario...”, engade a docente, que subliña tamén que este tipo de traballos son “arriscados pero tamén moi motivantes”.

Ademais do flashmob, alumnado e docente pensan xa na posta en marcha dun lipdub, un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus labios e xestos cunha canción popular “ou quizais non tanto...”, recalca Rial, deixando no aire cara a onde irán os tiros nunha máis que probable nova sorpresa.