DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 21 ao 23, organizado por atlanTTic e Gradiant co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridad

Máis de 150 especialistas participarán a vindeira semana en Vigo no principal encontro nacional de investigación en ciberseguridade

Centrarase en tres eixes: investigación, transferencia e innovación docente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 16/06/2023

Máis de 150 persoas participarán nas VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad (JNIC) que se celebrarán en Vigo a próxima semana, en concreto, entre os días 21 e 23. O evento é a principal referencia en xeración de coñecemento e innovación de ciberseguridade a nivel estatal e terá lugar por primeira vez en Galicia, tras o seu paso en edicións anteriores por cidades como León, Granada, Madrid, San Sebastián, Cáceres e Bilbao.

Estas xornadas están organizadas conxuntamente por atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e polo centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe).

Ana Fernández Vilas, presidenta del comité organizador por parte de atlanTTic, destaca que este centro da UVigo asumiu a organización das xornadas “con especial orgullo”, xa que a ciberseguridade é “unhas das tres grandes áreas estratéxicas que vertebran a nosa axenda científica, un ámbito no que levamos traballando dende a fundación de atanTTic en 2010 e que, neste tempo, consolidounos como referentes grazas á excelencia científica do noso persoal investigador, os proxectos e colaboracións de referencia a nivel internacional, e as iniciativas tractoras impulsadas en ámbitos como as comunicacións cuánticas, a seguridade 5G/6G e as contornas confiables para IA”.

A presidenta do comité organizador por parte de Gradiant, Lilian Adkinson, tamén asume a honra que supón a organización das xornadas, xa que para o seu centro a ciberseguridade sempre foi “unha clara aposta estratéxica” reforzada nos últimos anos “ao tratarse dunha das tecnoloxías esenciais para a transformación dixital xunto coa conectividade e a intelixencia artificial”, que conforman os ámbitos de especialización do centro. “Apostar de forma decidida e continua por tecnoloxías de seguridade e privacidade, as tecnoloxías cuánticas ou as redes de comunicacións 5G/6G levounos a converternos en referentes, e seguimos traballando para superarnos día a día”, subliña. 

Tecnoloxías disruptivas, ciberseguridade e tecnoloxías cuánticas

O obxectivo das JNIC é xerar un foro de intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito da ciberseguridade entre persoal académico, investigador e empresas. As xornadas centraranse en tres eixes: investigación, transferencia e innovación docente en ciberseguridade a través de diversas sesións e mesas redondas. 

O programa comprende dúas conferencias con poñentes de recoñecido prestixio internacional, como Mordechai Guri, experto informático e investigador en seguridade, que falará na súa conferencia Air-Gap Security: Attacks and Defense sobre canles de ocultación para a comunicación con redes fisicamente illadas, e Carmela Troncoso, profesora da Escola Politécnica Federal de Lausana, que abordará na súa ponencia, tiitulada Privacidad por diseño: del papel a la práctica, distintas interpretacións desta filosofía de deseño de sistemas dixitais, con exemplos de uso de tecnoloxías deseñadas para mellorar a privacidade (Privacy Enhancing Technologies) combinadas con sistemas que permiten funcionalidades complexas sen necesidade de recoller nin procesar datos.

Ademais, o congreso comprende dez sesións nas que se presentan os traballos seleccionados, terán lugar dúas mesas redondas que permitirán conversar sobre tecnoloxías disruptivas e o rol da ciberseguridade e o horizonte en tecnoloxías cuánticas durante a primeira e segunda xornada do evento. 

As xornadas contan con apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Seresco, Plexus Tech, a Cátedra R en Ciberseguridade, RENIC (Red de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridad), Eviden, Optare Solutions, Viewnext e CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da lnformación e as Comunicacións).