DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adán Aliaga presentou en Ciencias Sociais e da Comunicación o seu documental ‘La mujer del eternaut

Máis de 150 estudantes participan na primeira das proxeccións de Augal

Os profesores Miguel Anxo Fernández e Anna Amorós coordinan esta actividade formativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 15/10/2013

O documental La mujer del eternauta, do director valenciano Adán Aliaga, conseguiu reunir este martes a máis de 150 alumnos e alumnas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ao abeiro da Master Classs Audiovisual Galego que promoven os profesores Miguel Anxo Fernández e Anna Amorós. Esta resposta “tan positiva” por parte do alumnado dá boa mostra do interese que esperta Augal entre a comunidade universitaria, unha iniciativa pioneira que lle abre a porta a unha oferta cinematográfica á que dificilmente podería ter acceso nunha sala de cine convencional, explica Amorós. A presenza no centro dun dos directores máis recoñecidos e premiados do Estado, como é Aliaga, axudou a incrementar o interese do alumnado por coñecelo mellor a el e ao seu proxecto grazas a una actividade formativa e divulgativa coma esta.

Para Miguel Anxo Fernández o documental de Adán Aliaga é o mellor exemplo de produción low cost “que só require dun bo guión e do talento das persoas que o van a levar a cabo”. Pola súa banda, o cineasta valenciano destaca a necesidade “dunha boa historia que sexa quen de espertar emocións e mover conciencias para así poder cambiar o mundo” como motor principal dun proxecto que el mesmo prefire non etiquetar dentro de ningún xénero cinematográfico. Aliaga amosouse moi ilusionado coa idea de participar nesta edición de Augal e chamoulle a atención a longa ringleira que se formou para entrar á aula na que se proxectaba o seu documental, “xa non é habitual ver isto”, subliñou.

Antes de comezar co visionado da longametraxe, Aliaga lembrou o intre no que a produtora galega Frida Films lle propuxo levar á gran pantalla as aventuras de Juan Salvo, O Eternauta, o protagonista dun cómic que narra unha invasión extraterrestre “que serve como metáfora dos mecanismos de poder cos que o seu autor, Héctor Oesterheld, vaticina a cruel represión exercida pola ditadura militar arxentina”. Lamentablemente, o autor do cómic foi unha vítima máis desta represión pero a súa dona, a galega Elsa Sánchez, conseguiu sobrevivir xunto aos seus catro fillos e en 2011 compartía a súa historia co mundo enteiro a través desta cinta . Pero este non é o único grande éxito da curta pero intensa carreira deste cineasta valenciano xa que en 2004 dirixiu a longametraxe La casa de mi abuela, un dos documentais españois con maior recoñecemento internacional dos últimos anos e que conta con multitude de premios en distintos festivais de recoñecido prestixio, acadando o Jorins Ivens Awards en IDFA (Amsterdam) sendo este último o festival de documentais máis importante do mundo.