DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As obras gañadoras están expostas no primeiro andar do Edificio Politécnico

Máis de 150 imaxes optaron ao V e VI Certame de Fotografía da Universidade

A finalidade do certame é incentivar a participación da comunidade universitaria na arte

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 19/11/2009

O primeiro andar do Edificio Politécnico acolle estes días a exposición de imaxes premiadas no V e VI Certame de Fotografía da Universidade de Vigo, correspondentes aos anos 2008 e 2009. Os gañadores foron Aloia Alonso (serie) e Laura Piñeiro (fotografía única) no ano 2008; e Cintia Ramírez (serie) e Bibiana Juanes (fotografía única) no ano 2009. O certame está organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. A mostra permanecerá no Edificio Politécnico ata o vindeiro día 11 de decembro, e forma parte tamén do calendario de exposicións do Outono Fotográfico.
No ano 2008 o primeiro premio foi para Aloia Alonso pola súa serie titulada En vermello. Así mesmo, e nesta V edición do certame, o xurado acordou outorgar dous accésits “por mor da calidade dos traballos” a Melissa Rodríguez, pola súa obra Ventana de emerxencia, e a María de los Ángeles Fernández, por Heterotopías. No apartado de fotografía única o primeiro premio correspondeu a Laura Piñeiro pola imaxe titulada Creando, e o accésit levouno Lorena González pola obra Good Luck. Neste V Certame de Fotografía presentáronse un total de 35 traballos no apartado de serie e 68 traballos para optar ao premio de fotografía única.

Na VI edición do certame presentáronse máis de cincuenta fotografías

Polo que respecta á VI edición do Certame de Fotografía Universidade de Vigo, correspondente a este ano 2009, presentáronse 24 imaxes para optar ao premio na modalidade de serie e 27 instantáneas para a modalidade de fotografía única. Nesta ocasión, o primeiro premio correspondeu a Cintia Ramírez pola serie titulada Future Artist. Así mesmo, e “por mor da calidade dos traballos”, o xurado acordou outorgar dous accésits a Ana Eiras, pola serie Sádico, e a Verónica Crespo, pola serie de imaxes titulada 065|1.75|56665. No apartado de fotografía única, o primeiro premio foi para Bibiana Juanes pola obra Outra mirada, e o accésit levouno María García pola imaxe Moonlight.
O certame está organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e a súa dotación varía segundo a modalidade. No apartado de serie establécese un primeiro premio de 900 euros e un accésit de 300, mentres que para a modalidade de fotografía única hai un premio de 600 euros e un accésit de 200. Promover a participación da comunidade universitaria nas actividades culturais que se organizan no campus é un dos obxectivos do certame e así o subliña Filemón Rivas, xestor de Actividades Culturais. Segundo explica, “o que se pretende con este concurso é servir de proposta para incentivar a participación da comunidade universitaria nestas áreas creativas. Tamén, e por suposto, que estes novos autores teñan un escaparate no que expoñer os seus traballos”, declara.
Ademais do concurso de fotografía, a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes convoca cada ano outros tres certames de expresión artística. Son o de creación audiovisual, pintura e maquetas de música.