DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na III asemblea xeral que está coordinada pola UVigo, o Cetmar e o CSIC a través do IIM

Máis de 150 investigadores debaten en Santiago sobre o futuro do sector dentro do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O encontro comprende conferencias e obradoiros centrados no coñecemento do mar

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 27/10/2023

Arredor de 150 representantes das 14 institucións e centros de investigación que conforman o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reúnense este venres no edificio Fontán da Cidade da Cultura de Compostela para compartir o avance nos resultados dos traballos executados. O obxectivo desta terceira asemblea xeral é presentar, intercambiar e debater sobre resultados de investigación e coñecemento científico no ámbito das ciencias mariñas centrándose nas tres liñas de actuación do plan: observación e monitorización do medio mariño e do litoral; produción acuícola sustentable; e coordinación e transformación social e económica para a resiliencia. 

O encontro, que ten un enfoque científico-técnico, está organizado pola Universidade de Vigo, representada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) e Campus do Mar; o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IMM) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar). 

Ao longo da xornada, que foi inaugurado polo director do CIM, Daniel Rey, abordáronse os avances logrados ata o momento a través dunha quincena de presentacións orais e paneis co propósito de establecer unha estratexia futura máis sostible para o sector mariño galego. Xa pola tarde terá lugar o obradoiro Retos multinivel no mexillón: aproximación multidisciplinar dende o Programa de Ciencias Mariñas, no que participarán un total de 40 investigadores e investigadoras.

A este encontro asisten, ademais das entidades coordinadoras do programa, representantes das institucións e dos centros de investigación implicados: a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UdC), o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Meteogalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e os centros propios da Consellería do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa).

Un mapa de ruta do futuro da ciencia mariña galega

O Programa en Galicia está dotado con dez millóns de euros, dos cales seis millóns son achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e outros catro millóns proceden da Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). A súa finalidade é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando o labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar. 

Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa nacional de Ciencias Mariñas – ThinkInAzul no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do estado.