DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase en tres bloques segundo as titulacións

Máis de 160 alumnos da Facultade de Ciencias da Educación celebran este sábado o seu acto de graduación

A cita será a partir das 16.00 horas no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 20/06/2008
Marta Casanova | Ourense
Máis de 160 alumnos da Facultade de Ciencias da Educación celebrarán, este sábado pola tarde a súa graduación cun acto multitudinario. Os egresados, pertencentes ás titulacións de Traballo Social, Educación Social, Psicopedagoxía e Mestre en Educación Infantil, Primaria, Educación Especial e Linguas Estranxeiras, recibirán as súas bandas de mans da decana da facultade, Mercedes Suárez, en presenza do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez e o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela.
Ademais, e como non podía ser doutra forma, os novos titulados estarán arroupados polas súas familias, o profesorado do centro e os padriños de cada promoción. O gran número de alumnos que cursan estudos nas diferentes especialidades que ofrece o centro, sumado aos acompañantes que se agarda que asistan, impide que o acto poida desenvolverse nun único bloque, polo que ao longo da tarde do sábado a entrega de diplomas e imposición de bandas repetirase ata en tres sesións diferentes.

Educación Infantil e Primaria

Os primeiros en graduarse serán os mestres en Educación Infantil e Primaria, que a partir das 16.00 horas celebrarán o acto que os converte oficialmente en egresados. A apertura do evento correrá a cargo do vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, que dará paso á intervención da decana da facultade, Mercedes Suárez. Tralos discursos de rigor, procederase á entrega de bandas e diplomas aos 50 diplomados en Educación Infantil e 45 de Primaria, antes de que os padriños da promoción, Javier García e Elías Domínguez, aconsellen aos xa ex alumnos sobre o seu futuro profesional. A continuación, serán os graduados Pablo Gómez, Eva Villar e Iván Rodríguez, os que en representación dos seus compañeiros de promoción, poñan a nota emotiva a un acontecemento que marcará o comezo dunha nova etapa nas súas vidas. Xa para finalizar, Pedro Membiela clausurará o acto da décimo oitava promoción de ambas titulacións, que levan no campus dende que este comezou a funcionar.

Educación Social e Traballo Social

A continuación, ás 18.00 horas, comezará o acto de graduación dos 49 alumnos de Educación Social e os 40 de Traballo Social na que é a súa undécima promoción. Nesta ocasión, será o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez o encargado de ofrecer o discurso inaugural, antes de dar paso á decana da facultade. Trala imposición das bandas e diplomas, Ana Belén Méndez e Xosé Manuel Cid, exercerán de padriños e dedicarán unhas palabras aos egresados para, acto seguido, cederlle a quenda aos representantes dos alumnos, Camilo Vila e Purificación López. Trala clausura oficial por parte de Juan Francisco Gálvez, o coro do campus porá a nota musical, mentres que o grupo de teatro Marañao fará unha pequena intervención que dará por finalizado o acto.

Linguas Estranxeiras, Educación Especial e Psicopedagoxía

Xa para rematar, ás 20.00 horas, chegará o momento dos 15 mestres en Linguas Estranxeiras, 40 en Educación Especial e 29 titulados en Psicopedagoxía. O acto comezará coa actuación do coro de campus que, ao igual que no resto das sesións, dará paso ao discurso inaugural, que desta banda correrá a cargo de Pedro Membiela, e á intervención de Mercedes Suárez, seguida pola entrega de diplomas. Nesta ocasión, apadriñarán ás promocións, Francisco Insua, José María Faílde e Mar García. Trala clausura do acto, levada a cabo polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, a actuación coral da ONCE porá o punto e final a unha intensa xornada na que un total de 168 novos educadores abandonarán o mundo académico para comezar a súa andaina profesional.