DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por investigadores da UVigo, celébrase na sede de Afundación ata o día 4

Máis de 160 especialistas de todo o Estado danse cita no Congreso da Sociedad Española de Biología Evolutiva

Abordan temas relacionados coa xenética de poboacións, a filoxenética ou a biodiversidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/02/2022

Dende hoxe mércores e ata este venres, Vigo acolle a VIII edición do Congreso da Sociedad Española de Biología Evolutiva. Esta é a primeira vez que este simposio se celebra en Galicia e faino organizado por un grupo de docentes da Universidade de Vigo entre os que están Emilio Rolán, David Posada, Armando Caballero, Alberto Velando ou Iria Fernández, xunto con Miguel Arenas, Carlos Canchaya, Angel P. Diz, Juan Galindo, Juan Gefaell e Humberto Quesada.

A xuntanza, que arrancou na mañá deste mércores, estase a celebrar na sede de Afundación e nela participan máis de 160 investigadores e investigadoras de toda España. Ao longo das tres xornadas que dura o congreso, explica o catedrático Emilio Rolán, abordaranse “unha ampla variedade de temas relacionados coa bioloxía evolutiva, que inclúen xenética de poboacións, evolución molecular, filoxenética e filoxenómica, paleontoloxía, biodiversidade e conservación, entre outros, en diversas especies”. Ademais, nesta oitava edición, as e os organizadores puxeron o foco en incorporar “outras áreas evolutivas que non teñen sido representadas en edicións anteriores, como a filosofía, a psicoloxía, a educación, etc”.

40 comunicacións

Ao longo desta xuntanza presentaranse varios pósters e 40 comunicacións relacionadas coa bioloxía evolutiva e a teoría da evolución, polo que nestes tres días pasarán polo simposio biólogos e biólogas “con formacións tan dispares como zoólogos, botánicos, ecólogos, xenéticos, virólogos, etc.”, recalca o catedrático da UVigo, pero tamén especialistas doutras especialidades como paleontólogos, profesores e naturalistas e mesmo algún filósofo. De feito, Rolán pon o foco na participación, entre as conferencias plenarias, a do filósofo Antonio Diéguez, que o venres reflexionará sobre a evolución da cognición en primates e ma especie humana. 

Xunto con Diéguez, outros catros expertos e expertas ofrecen no congreso conferencias plenarias, como Santiago F. Elena, da Universitat de València, que foi o encargado do relatorio de apertura; Elena Casacubierta, do Institut de Biología Evolutiva, UPF-CSIC; Luisa Amo, da Universidad Rey Juan Carlos e Sara Varela, investigadora da UVigo. 

O congreso arrancou co primeiro dos relatorios plenarios, a cargo do catedrático Santiago F. Elena, especializado na bioloxía evolutiva dos microbios, en concreto, nos mecanismos que xeran e manteñen a variabilidade xenética dos virus de ARN. Na súa intervención explicou como “as condicións ambientais poden perturbar as interaccións nos sistemas virus-hóspede”. Deste xeito, os virus poden ser beneficiosos baixo certas condicións, por exemplo, “en condicións de seca, as plantas infectadas por virus amosan maior tolerancia á falta de auga que as plantas non infectadas”. En concreto, Elena centrouse no traballo que desenvolve o seu grupo de investigación sobre a evolución do virus do mosaico do nabo (Turnip mosaic virus, TuMV) nunha planta hóspede en condicións de estrés por seca. O seu estudo demostra que a evolución dos virus en escaseza de auga selecciona aqueles que promoven a supervivencia da planta nesas condicións de estrés. A consecuencia é que a planta ten unha maior supervivencia cando se infecta e o virus se pode replicar durante máis tempo no hóspede. As evidencias suxiren que as condicións ambientais lle dan forman á evolución da interacción virus-hóspede, modificando tanto a dinámica do hóspede como a do virus e, polo tanto, o resultado da súa relación.

Os retos actuais da bioloxía evolutiva

Ante a amplitude de temas que se abordan nestes tres días de congreso, e preguntado sobre cales son os actuais e máis inminentes retos da bioloxía evolutiva, o catedrático Emilio Rolán ten claro que “non é unha cuestión sinxela de resolver e, posiblemente, a resposta será diferente segundo a quen se lle pregunte”. Na súa opinión, “coñecemos bastante ben os mecanismos evolutivos e como interactúan para producir a evolución en diferentes tipos de caracteres e organismos; non obstante, quizais os avances máis interesantes que están por chegar nos próximos anos teñan que ver coa mellora da comprensión de como se codifica e expresa a información biolóxica, como o ADN e as súas interaccións ambientais producen durante o desenvolvemento o fenotipo do exemplar adulto en toda a súa complexidade morfolóxica, fisiolóxica, bioquímica, etc”. A isto engade o catedrático que existe “certa discusión” sobre se “a típica estratexia clásica do estudo xen a xen, ou carácter a carácter, está tocando teito e convén comezar a probar outras estratexias máis holísticas para entender estes procesos”, conclúe.  

Totalmente presencial

Este congreso está a ser un dos primeiros que, tras a pandemia, se celebran dun xeito totalmente presencial. Apostaron por este formato, como destaca Rolán, xunto co Comité Nacional da Sesbe, “porque todos estábamos un pouco fartos de tanto congreso e xuntanza en liña e existía un auténtico interese en poder reunirnos presencialmente, coa máxima normalidade posible”. Para isto optaron pola sede de AFundación, que conta cun “salón de actos grande con suficiente espazo para manter distancias de seguridade e xerar unha contorna o máis segura posible”.