DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inciativa que xestiona a OMA xa cumpliu cinco anos

Máis de 200 persoas comparten coche no programa 'Cheo por Favor'

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 14/01/2011
Fai cinco anos que iniciou a súa andadura o programa Cheo por Favor e nese tempo máis de 200 persoas compartiron coche dentro desta iniciativa. Na súa orixe o seu principal obxectivo era aumentar os hábitos de mobilidade sustentable entre a comunidade universitaria, facendo fincapé no feito de que diariamente circulan polo campus preto de 9.000 vehículos, ao que agora se engaden as numerosas vantaxes que presenta para aforrar.

Na actualidade na Oficina de Medio Ambiente (OMA), que é quen se encarga de difundilo, están anotadas 21 persoas, 18 para desprazarse ao campus de Vigo e tres ao de Ourense. “Hai que ter en conta que moita xente comparte coche dende fai anos, pero non están inscritos no programa”, asegura Marta Pérez, da OMA. Ademais na web só están activas as rutas con prazas libres, polo que “un día hai 20 rutas e ao seguinte pode que simplemente queden cinco”. O perfil dos usuarios é moi amplo, posto que hai dende alumnos e alumnas que buscan maior mobilidade ata e entre os campus, ata docentes que imparten materias en diversos centros ou incluso nas outras universidades galegas.

As inscricións, na web da OMA

O proceso para formar parte do programa é moi sinxelo xa que simplemente hai que inscribirse na web da OMA cubrindo un pequeno formulario que permita consultar os traxectos dispoñibles e as características de todos eles. A partir de ese momento calquera que estea interesado pódeo consultar e poñerse en contacto cos outros inscritos. “Agora o método é máis sinxelo. Eles son os que se comunican con quen ofrece o coche, ante eramos nós os que unha vez que recibiamos as propostas de ruta chamábamos por teléfono aos interesados”, explica Pérez.

Dende a OMA móstranse satisfeitos co programa, un dos clásicos no campus de Vigo, e que pouco a pouco colabora na concienciación do colectivo universitario coa defensa do medio.