DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pilates, tenis, voleibol, aeróbic e ioga son as actividades mais demandas

Máis de 200 persoas participaron nas Escolas Deportivas no primeiro cuadrimestre

O día 8 de febreiro ábrese o prazo de matrícula para os novos usuarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 04/02/2010

O vindeiro día 8 de febreiro as Escolas Deportivas abren un novo período de matrícula para todos aqueles membros da comunidade universitaria que desexen practicar algún deporte neste segundo cuadrimestre do curso. A iniciativa caracterízase pola variada oferta de modalidades deportivas que ofrece e tamén polas instalacións que colaboran na actividade, ata 30 escolas espalladas por toda a cidade. O obxectivo fundamental é, segundo Eduardo de la Fuente, técnico do Servizo de Deportes, "achegar a actividade física e o deporte á comunidade universitaria".
As Escolas Deportivas comezaron a súa actividade no curso académico 1992-1993. Na actualidade máis de 200 persoas participan nos distintos deportes que oferta a actividade a través das 30 escolas que non se circunscriben só ao campus se non que se dispersan por toda a cidade, unha estratexia que lles permite “abarcar unha gran variedade de modalidades deportivas e chegar ao maior número de usuarios posible intentando cubrir todas as súas necesidades”, segundo sinala o técnico.

Ioga, escalada, boxeo e danzas orientais nunha oferta moi variada

Unha das características principais das Escolas Deportivas é a súa variedade, dende ioga ata escalada pasando por boxeo e danzas orientais. Eduardo de la Fuente explica que esta filofofía responde ao interese dos promotores da iniciativa por achegar o deporte a un maior número de usuarios. Segundo as súas palabras, “sabemos que cada un ten os seus gustos, as súas necesidades e que non todos dispoñen do mesmo horario. A variedade da nosa oferta e a amplitude do horario permítelle a toda a comunidade universitaria practicar a actividade física e deportiva que máis lle guste e se adapte as súas necesidades e características persoais”.

O Pilates é a modalidade deportiva máis demandada polos usuarios

Á hora de preguntarlle pola actividade máis demandada o técnico non dubida na súa resposta. “O pilates, sen dúbida algunha. Aínda que este modelo de actividade física non chegou a nos ata finais do século pasado, a súa rápida extensión e o seu beneficio para a saúde corporal fan desta modalidade a máis solicitada pero seguida moi de preto por escolas con máis tradición como son o tenis, o voleibol, o aeróbic e o ioga entre outras”.
As Escolas Deportivas están dirixidas tanto a estudantes como ao profesorado e ao persoal de administración e servizos do campus. O alumnado é o colectivo que máis participa na iniciativa e así o subliña Eduardo de la Fuente, quen revela tamén que as preferencias deste colectivo dispérsanse por todas as escolas, “dende as actividades aeróbicas dirixidas como o power dundell e o boot camp ata o boxeo, karate, golf, danzas, defensa persoal, aquagim, natación, iudo, kik boxing, padel, spining, taichi, xadrez e wu shu sanda”.

Os novos usuarios poderán matricularse a partires do día 8 de febreiro

No primeiro cuadrimestre deste ano académico o número total de participantes nas escolas foi de 215 sendo o pilates, o tenis, o voleibol, o aeróbic e o ioga as actividades máis demandadas cuns 20 inscritos en cada unha delas. O prazo de renovación das Escolas Deportivas foi do 1 ao 4 de febreiro e proximamente, o día 8 de febreiro, abrirase o período de matrícula para todas aquelas persoas que desexen inscribirse nunha escola para este segundo cuadrimestre do ano. As inscricións faranse no Edificio Administrativo do campus e o prezo varía segundo a actividade que se escolla. Eduardo de la Fuente considera importante a existencia deste servizo no campus polos beneficios que lle da á comunidade universitaria. Segundo afirma “a práctica de calquera actividade física aporta unha mellor condición física e saúde ademais dunha ocupación activa do tempo de ocio. Penso tamén que o feito de practicar un deporte é tamén un xeito de socialización co resto de participantes nas actividades, desfrutando así dun momento alegre e ameno”, declara.