DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Torneo Internacional de Balonmán “Vigomano 2008”

Máis de 200 rapaces de España e Portugal conviven estes días no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 25/06/2008

O campus de Vigo acolle estes días o I Torneo Internacional de Balonmán Vigomano 2008 que reúne preto de 200 rapaces de idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos.
Os organizadores do torneo, o Club Unión Balonmán Lavadores, encontraron no campus o marco idóneo, tanto a nivel deportivo coma de ocio, para realizar estas xornadas de competencia deportiva e convivencia xa que ademais do pavillón, teñen acceso os comedores, residencia e demais instalacións para realizar outras actividades durante o día.
Os encontros, que teñen lugar no pavillón deportivo e nas instalacións do colexio Los Sauces entre os días 25 e 28 de xuño, servirán aos rapaces para enfrontarse a equipos diferentes aos que se enfrontan durante o ano e coma “experiencia de convivencia e divertimento para eles, un premio ao esforzo realizado durante a temporada e a oportunidade de estar uns días lonxe dos seus pais”, explica José Pacheco, directivo do equipo portugués FC Gaia.
A iniciativa xurde da necesidade do club organizador de que os seus equipos participaran nun torneo destas características e, ante as dificultades económicas que resultaba para os pais dalgúns dos rapaces, decidiu organizar un torneo internacional na propia cidade. “Intentamos facer un proxecto serio, enfrontando equipos internacionais e cunha ampla alternativa de lecer”, explica Jorge Miró, principal organizador do evento, “e isto implica moito traballo de organización que esperamos concretar máis de cara a vindeiras edicións”, subliña.

Ampla oferta de lecer

Ademais do balonmán, os participantes neste torneo contan cunha ampla oferta de lecer para o que a Universidade presta as súas instalacións deportivas. Así, entre partido e partido, os rapaces poden adestrar, xogar a outros deportes como tenis ou fútbol, ou darse un chapuzón na piscina. Xa fora do campus, tamén teñen a posibilidade de adquirir unha tarxeta de ocio que inclúe bus turístico pola cidade, paseo en barco pola ría, cine e boleira entre outros.