DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pecháronse este xoves no Pavillón Universitario de Vigo

Máis de 2000 estudantes participan nos tres campus nas Xornadas de Benvida para o alumnado da UVigo

A vicerreitora de Estudantado amosou a súa satisfacción polo “notable éxito de afluencia"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 07/09/2023

1040 alumnos no campus de Vigo, 650 no de Ourense e 540 no de Pontevedra. En total foron máis de 2000 as alumnas e alumnos que esta semana participaron nos tres campus nas Xornadas de Benvida para o alumnado da Universidade de Vigo, unha actividade á que estaba convidado todo o alumnado, pero pensada especificamente para achegarlle as mozas e mozos que este ano se incorporan ás aulas universitarias información e asesoramento sobre os diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición nun ambiente totalmente lúdico e festivo.

A primeira xornada tivo lugar o pasado martes no campus de Pontevedra, que estrea este curso a titulación de Deseño, o único grao que se incorpora este curso á oferta do Sistema Universitario de Galicia; continuaron onte mércores en Ourense e remataron hoxe xoves no Pavillón Universitario do campus vigués, onde a asistencia de público foi constante ao longo de toda a mañá. “Estamos máis que satisfeitos polo notable éxito de afluencia das Xornadas de Benvida nos tres campus”, explicou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade Natalia Caparrini, quen se amosou “moi contenta” polo alto nivel de participación acadado. 

Os universitarios e universitarias puideron consultar información nos postos dos diferentes servizos (Área de Benestar, Saúde e Deporte, Unidade de Igualdade, Área de Normalización Lingüística, Área de Emprego e Emprendemento, Centro de Linguas…), así como das delegacións e asociacións de estudantes (UVigo SpaceLab, CES UVigo, ESN...). Como novidade este ano incorporáronse tamén a esta oferta o Servizo de Posgrao e a Escola Aberta de Formación Permanente, co obxectivo de abrir o interese das xornadas non só ao novo estudantado de grao, senón tamén de mestrado ou doutoramento.

A experiencia de Briseida, Mauro, Nuno, Celia e Alba

A maioría dos estudantes acudiron á feira en grupo, con compañeiros de piso ou residencia, ou con persoas que xa tiveron oportunidade de coñecer nas presentacións organizadas polas diferentes escolas e facultades. Un destes grupos é o de Briseida Afonso, Mauro Míguez e Nuno Rozas, tres estudantes ourensáns que arrancan agora a súa vida universitaria. Briseida, de Padrenda, estudará  Tradución e Interpretación; Mauro, de Ribadavia, Química; e Nuno Rozas, de Carballeda de Avia, Ciencias do Mar. “Este tipo de actividades están xenial para poder ir situándonos”, explica Briseida, quen admite que están aínda “aterrando no campus”. Encantados coas titulacións elixidas, Nuno admite que a súa primeira opción era Bioloxía, “pero, se ao final me gusta Ciencias do Mar, mantereime nela”.

A viguesa Celia Fernández, do Grao en Comercio, e a pontareana Alba Rivas, do Grao en Enfermaría, agradecen os agasallos que se están a repartir na feira (axenda universitaria, memorias USB, bolsas de tea co logo da UVigo…). Entre os postos que máis lle sorprenderon mencionan o da Área de Normalización Lingüística ou o da asociación de estudantes ESN Vigo, xa que a ambas lles encantaría “facer unha estancia Erasmus noutro país”.

Mañá venres terá lugar a inauguración oficial do curso 2023/2024

Tras estas tres xornadas de benvida mañá venres terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o Acto solemne de apertura do curso académico 2023/2024 no que están previstas as intervencións do reitor, Manuel Reigosa, que falará en nome dos tres reitores galegos; do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz, que será a encargada de impartir a conferencia inaugural. Programado para as 12.00 horas, o evento contará coa asistencia de diferentes personalidades do mundo académico, social e político.

Con motivo desta inauguración oficial, este día foi declarado non laborable na UVigo, de tal xeito que o resto de dependencias da institución académica permanecerán pechadas.