DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración da xornada "Oportunidades e retos de Galicia e España no sector espacial"

Máis de 30 países implícanse no proxecto de cooperación de nanosatélites que lidera a Universidade

Segundo anunciou este martes o investigador principal, Fernando Aguado

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 29/06/2010
O sector espacial conta con múltiples recursos por explotar, ofrecendo grandes oportunidades para investigadores e científicos a nivel internacional, estatal e tamén galego, onde as actividades en materia espacial son cada vez máis relevantes.Un exemplo deste labor materialízase no proxecto GEOID, a achega da Axencia Espacial Europea (ESA) ao programa Humsat aprobado pola ONU e liderado pola Universidade de Vigo, que tamén se encargará da coordinación dun total de nove satélites europeos que serán lanzados ao espazo.

O proxecto, que ten como obxectivo a creación dunha constelación de nanosatélites con aplicacións en comunicacións, telemedicina, monitorización de cambio climático e educación, contará coa participación activa de máis de 30 países de todo o mundo, segundo manifestou o investigador principal da iniciativa, Fernando Aguado, durante a inauguración da xornada Oportunidades e retos de Galicia e España no sector espacial, que tivo lugar este martes no Centro Cultural Caixa Galicia. Esta cifra podería incrementarse nun futuro próximo posto que, tal e como apuntou Aguado, “o proxecto atópase nunha fase plenamente operativa, na que se está a definir a misión, os requisitos e a participación e ingreso dos actores europeos e de América Latina, así como doutros países do mundo que tamén están interesados en participar”. No caso de Europa, a Oficina de Educación da ESA realizou unha convocatoria pública para invitar á colaboración ás universidades europeas, “das cales 10 xa garatiron a súa presenza” afirmou Aguado.

A presentación do proxecto Humsat está prevista aproximadamente para o mes de setembro, que aumentou o número de nanosatélites que integrarán a súa rede a máis de 20 “grazas ao apoio recibido por todos os países que decidiron formar parte do proxecto” manifestou Aguado. A nivel europeo, serán entre 9 e 10 nanosatélites os que deba coordinar a Universidade, cuxo lanzamento está estimado para o ano 2013.

Un proxecto que xera interese internacional

O representante do Centro Rexional de Tecnoloxía Aerospacial de Iberoamérica e Países do Caribe, CRECTEALC, Esaú Vicente Vivas, salientou a importancia da iniciativa da Universidade de Vigo, na que, segundo confirmou, participarán polo menos tres universidades mexicanas e o Centro de Investigación Científica e de Educación Superior de Ensenada no desenvolvemento da constelación de nanosatélites. “O proxecto da Universidade de Vigo ábrelle as portas a Latinoamérica e favorece a intercomunicación e os vínculos académicos dos países colaboradores. O reto é seguir adiante con esta asociación, que enriquece o proxecto de tal forma que creo que del poden xurdir outras iniciativas subsecuentes moi importantes, con implicacións tecnolóxicas, de innovación e de colaboracións futuras en proxectos se cabe máis ambiciosos” expresou Vivas.

Ademáis de México, son moitos os países de Latinoamérica que amosaron o seu interese por formar parte do proxecto Humsat, entre os que se atopan Perú, Brasil, Venezuela, Ecuador, Panamá e Arxentina, entre outros. Así mesmo, Fernando Aguado tamén enumerou una lista de nacións cooperantes de África e Asia, como Exipto, Uganda, Pakistán, India e Singapur, á que engadiu á inminente participación de Rusia, “onde o ano que vén se presentará de forma conxunta o proxecto Humsat no Instituto de Pequenos Satélites de Moscú para adaptalo aos satélites rusos” afirmou Aguado.

Pola súa banda Werner Balogh, da Oficia do Espazo de Nacións Unidas, ONU- UNOOSA, gabou o proxecto liderado pola Universidade e a importante participación que recibiu, “que contribúe a garantir e promover o acceso de países en vías de desenvolvemento á tecnoloxía básica e aplicacións espaciais derivadas da rede de nanosatélites”.

O Xatcobeo, a punto

Ademais do proxecto Humsat, Fernando Aguado tamén fixo referencia durante a súa intervención ao picosatélite Xatcobeo, “do que xa está finalizada a fase de probas dos modelos denominados de enxeñaria e temos prevista a fabricación dos modelos de voo este verano para poder telo listo a finais de ano” indicou Aguado. En canto á data oficial do seu lanzamento, Aguado asegurou que non será posible ata o 2011, dependendo do seu desenvolvemento. “Temos que ser conscientes de que o lanzamento dun cohete novo é un reto moi importante a nivel europeo e debe superar todos os test e probas de calidade” afirmou.

Ademais, Aguado tamén anunciou unha posible colaboración entre a Universidade de Vigo e a Universidade de Calpoly, California, para o deseño conxunto dun satélite. “Trataríase dun proxecto pioneiro en España que aínda temos que explorar” manifestou.

Cambio de mentalidade e novas solucións

A xornada Oportunidades e retos de Galicia e España no sector espacial reuníu a recoñecidos expertos no campo, entre os que se atopaban o responsable do proxecto Humsat na ESA, Antonio Castro, o profesor da Universidade de Calpoly, Jordi Puig, o representante de CRECTEALC, Esaú Vicente Vivas, Héctor Salvador, da Federación Internacional Astronáutica e Werner Balogh, da Oficia do Espazo de Nacións Unidas, ONU- UNOOSA.

Nos seus relatorios analizaron as posibilidades e desafíos das actividades e proxectos espaciais, afondando no “salto” que pode producirse nas aplicacións dos nanosatélites no futuro, pasando de ofrecer solucións educativas a solucións comerciais e científicas. Así mesmo, os poñentes coincidiron na necesidade de cambiar de mentalidade con respecto ás posibles aplicacións dos nanosatélites, amosando as diversas posibilidades que ofrecen grazas ao seu pequeno tamaño, permitindo levar a cabo relevantes misións científicas e de goberno e supoñendo un negocio atractivo para as empresas.